Historias paralelas

Non foi unha corrente nin unha escola. Foi un ciclo de vida da historia contemporánea do país na que a ganancia e o analfabetismo político á dereita, ao centro e nalgunha esquerda franqueou as portas a políticos de débil dimensión ética e cultural que crearon as condicións de promiscuidade, oportunismo e corrupción que tiveron e están a ter a súa expresión amargamente visible no colapso de bancos e de empresas públicas que sempre identificamos co país.
Foi a vergoña de quen aprendeu que así non imos a ningures, porque o modelo está gastado, porque as xentes non acreditan nas institucións e nos políticos, porque estamos cada vez máis vellos e con menos emprego, porque xa non temos máis para onde emigrar, porque as mulleres están cada vez peor pagas, porque non se consegue disimular tanta miseria, porque hai vellos que morren en urxencias dos hospitais, porque hai vellos e menos vellos que morren por minguar os medicamentos que os podían manter vivos, porque xa non temos máis nada para vender. É a pobreza avergoñada dun país que aprendeu a vivir cos cartos de Bruxelas.
A actuación política, que foi de ministros e ministerios de andar por casa, pasando de ministerios para bancos e para empresas públicas, foi e continúa a ser unha mañá sombría na memoria colectiva que se prolonga de mediados dos oitenta do século pasado a hoxe.
Entendo que este panorama debe soarnos a moita xente de nós, non só aos que xa temos unha certa idade e nos tocou vivir a situación sendo persoas maduras xa desde o comezo. Se penso en min vexo que nesa altura xa levaba uns anos de docencia na Universidade, xa era doutor e xa gañara praza de profesor titular. Mais o que ata agora escribín non se refire ao Estado español senón ao portugués, focalizado no que o autor destes parágrafos, que eu puxen literalmente en galego, denomina cavaquismo, isto é, os gobernos da dereita encabezados por Cavaco Silva, incluíndo algún período de gobernos socialistas. Quen iso escribiu foi José Jorge Letría, unha personalidade do mundo cultural portugués desde tempos mesmo anteriores á revolución dos cravos: xornalista profesional, cantor de intervención, poeta... E activo militante político, primeiro no partido comunista e despois, xa na década dos noventa, no socialista. Seino porque o sigo desde mediados do setenta: somos dun tempo, teño discos seus, téñoo escoitado falar e visto cantar ou, inclusive, temos conversado nalgunha ocasión, aquí en Galicia e en Portugal. Como ao meu entender pode ser aplicable ao aquí acontecido, tomeime a liberdade  de botar man deste treito tan clariño do seu Não se engana o coração /Retrato de uma vida e de Portugal com outra música, aparecido en 2015 e que lles recomendo moi vivamente. E penso que foron e seguen a ser situacións políticas moi semellantes, porque ambas están ditadas desde a UE, malia que a súa aplicación comezase en gobernos de partidos de diferente signo. 

Historias paralelas

Te puede interesar