UNHA BROMA DE MAL GUSTO

|

Un é moi dado a coleccionar e a gardar papeis libros, xornais, recordos de viaxes, da infancia, da mocidade de aqueles anos e calquera outro elemento e chegado o momento de facer espazo para un moble chega á conclusión de que na súa casa posúe máis trangalladas das que é capaz de asimilar. Nese punto, establécese un duelo co pasado, un dos dous sobra no habitáculo, aínda que ao final sempre se encontra un punto de coexistencia.

Isto mesmo lle debeu de pasar ao Goberno do Reino, que lle daba un aquel desfacerse da sociedade do famoso Quinto Centenario ou da promoción da tortilla española. Con máis indignación que sorpresa, produce arrepío saber que estas empresas públicas mamaban da teta do Estado sen saber moi ben a qué se dedicaban ous seus integrantes.

A ver se toma boa nota Feijóo e ponlle a puntilla, non de luras, ás sociedades autonómicas que aínda sobreviven polos orzamentos da Xunta

A ver quen lle explica a un pensionista que ten que pagar por una receita, mentres manaban os euros para os fastos de 1992 vinte anos despois. Unha broma de mal gusto ideada por aquel astro rei de grandes ideas que foi o felipismo e que continuou, non hai que esquecelo, con socialistas e populares.

Un intelectual da política, destes que só dá o Reino e que afloran nas ondas e nos papeis, afirmaba que esa sociedade de actividade máis que anacrónica servía para ir polas américas a espallar a cultura peninsular nas celebracións da independencia das repúblicas crioulas. É que son únicos estes madrileños, só os españois son quen de conmemorar as derrotas.

En todo caso, se alguén ten que lanzar foguetes de estourar e de luces pola perda colonial castelá somos os galaicos, que desde aquela puidemos cruzar o Atlántico a facer fortuna, primeiro como escravos e despois como empresarios indianos de éxito.

Hai que encherse de cinsa para asimilar que había funcionarios dedicados a promover a tortilla española polo mundo. Habería que darlle un premio ao cerebro que ideou tal cousa, agora que se estaban contentos con vender en Australia ovos e patacas revoltos, fraco favor lle facían aos produtos do sector primario. Exportando o modelo galaico de cabaleiros do grelo, do lacón, da filloa, do berberecho, do alvariño ou do que brote do mar ou da terra, millóns de asiáticos baleirarían os sobrantes da despensa galega a pouco que visen comer aos integrantes dese club selecto de comedores.

A ver se toma boa nota Feijóo e ponlle a puntilla, non de luras, ás sociedades autonómicas que aínda sobreviven polos orzamentos da Xunta e que se salvaron dunha primeira poda. Moitos dos seus integrantes xa están colocados no tramado da Administración local, así que non irán ao paro mentres non haxa máis fusións municipais. As fundacións públicas aínda son moi numerosas e a súa actividade redúcese a percibir fondos das contas de San Caetano con puntualidade anual.

UNHA BROMA DE MAL GUSTO