Aínda que moitos/as podan pensar que a xornada laboral de tres días á semana é unha proposta sindical, non é así. Fíxoa un dos homes máis ricos do mundo, o mexicano Carlos Slim. Cómpre lembrar que unha alternativa menos ambiciosa, a redución da xornada a 35 horas na Francia, atopou todo tipo de atrancos para ser aprobada e para despois podela aplicar, debido á oposición da patronal.
Como é que Slim teima nesta proposta, que xa fixo hai uns meses, tendo en conta que a xornada real está aumentando en practicamente todo o mundo? Ante todo, porque o empresario mexicano propón unha xornada diaria de 11 horas e a xubilación aos 70-75 anos. Non clarifica que pasará cos salarios. Aínda que na lóxica do capital están vinculados ao tempo traballado. Polo tanto, a redución tería como único efecto o de repartir o traballo e o salario entre a franxa con ingresos máis baixos e os parados, sen atinxir as rendas do capital. Socialízanse as condicións laborais dos chanzos inferiores da base da pirámide, mentres que se consolidan as de arriba e os beneficios empresariais. Ninguén morre na miseria, mais todos e todas serán pobres de por vida.
Estas propostas teñen todas a mesma matriz. Trátase dunha práctica que encetou na Unión Europea cos contratos temporais e a tempo parcial, que rebaixan artificialmente a taxa de desemprego aumentando a rotación. O resultado é que, malia baixar a porcentaxe de paro, 2/3 das familias teñen dificultades para chegar a final de mes, aumentou dramaticamente o endebedamento coa banca e coas tarxetas de crédito, e a pobreza está rente do 30% da poboación.
Para unhas condicións laborais máis xustas, o primeiro paso, é garantir que se cumpren os convenios (xornada, salarios, seguros sociais, etc.), e impedir que se realicen horas extras non declaradas e non xustificadas por situacións excepcionais. Así xeraríanse milleiros de postos de traballo e crecerían os salarios e ingresos da Seguridade Social. Asemade, cómpre recuperar a centralidade da negociación colectiva, os dereitos laborais, e fortalecer as centrais sindicais para recuperar un certo equilibrio co capital. Non pode rexer a lei do máis forte.