En contraposición con persoas (case sempre galegos) que mostran desleixo ou menosprezo pola nosa lingua, reconforta o topármonos con outras (moitas delas de fóra), que están orgullosas de saberen e utilizaren o galego.
Lembremos o que aconteceu aínda recentemente co exdirector da Mariña Mercante, López Sors, nado en Ferrol, que, no xuízo do “Prestige”, solicitou utilizar o sistema de tradución ao castelán alegando que non entendía o galego. A este señor podíanselle aplicar os versos pondalianos do noso himno: …só os iñorantes/ e féridos e duros,/ imbéciles e escuros/ non nos entenden non. Pola contra, velaí o que declaraban o violinista da Orquestra Sinfónica de Galiza, o ruso Mijail Moriatov: Vexo necesario falar galego aquí, ou John Rutherford, Director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford: Defender o idioma galego é pura ecoloxía lingüística. Feliz Día das nosas Letras!