Debaixo dun volcán

Os parlamentarios europeos, non todos, certo que así foi, veñen de aprobar ese tratado mercantil que coñecemos pola sigla CETA, un acordo comercial e de investimentos da Unión Europa co Canadá; un mal paso onde os haxa para os dereitos sociais, laborais ou da saúde dos consumidores no vello continente, agora moito máis desprotexidos. Negro panorama para o nivel emprego que pode chegar a perder centos de miles de postos de traballo. Mal negocio, tamén, para o medio ambiente natural ou a mesma seguridade; en troque da boa nova para as grandes corporacións financeiras. Présa, moita présa na Gran Coalición de conservadores e socialista , á procura de consolidar o feito, incluído un procedemento expreso na tramitación a costa da calidade democrática da institución que furtou consultas e ditames necesarios.
Porén, o tal Comprehensive Economic and Trade Agreement que é o nome real completo da criatura non é expediente pechado, abofé que non. Coa votación do europarlamento fíxose o que é práctica nos xogos de consola: pasar de nivel. Subimos aposta e pasamos a xogar noutra dimensión nova. Así, a partir do vindeiro mes, todos os elementos do CETA que son competencia exclusiva da U.E., entran en vigor de forma provisoria, aínda que tamén de xeito indefinido. Isto supón que practicamente todos os aranceis pasaran a ser cero, incluído os da produción do mundo rural e agrario, tal é o caso da carne de vacún, de porco ou os produtos lácteos.  
Polo momento non serán aplicados algún dos elementos do CETA que son de competencia mixta, e dicir, que tocan competencias dos estados que deben dar consentimento ao acordo; enténdese que por decisión dos seus parlamentos territoriais. Aquí están os servizos de transporte marítimo, aplicación de sancións penais por violación dos dereitos de propiedade intelectual, outras disposicións que atinxen a cuestión varias e, tamén, o sistema de tribunais de investimento. 
A partida non rematou, pasa dun xogo concentrado no ámbito das institucións europeas para pugnar en todos e cada un dos Estados, con tempos, dinámicas e movementos de oposición diferentes que manteñen aberto o resultado final. Aínda así, aventúrase un tempo de inverno para a causa das clases traballadoras europeas representada na metáfora do título que, curiosamente, o escritor Malcolm Lowry rematou, para ser un gran éxito da literatura e tamén do cinema, na Columbia Británica do Canada. Atinadamente chamoulle “baixo o volcán”. Mesmamente o CETA. 

Debaixo dun volcán

Te puede interesar