ESPERTA DO TEU SONO

A Igrexa leva tempo camiñando sen unha orientación definida e, como consecuencia, vai perdendo a pouca influencia que lle quedaba na sociedade actual. O clero, que goberna e manda, está desaparecendo aceleradamente e non se ve posibilidade de que a situación cambie. Porque voltar ao pasado, con seminarios e parroquias nin é posible nin sería ese o camiño. Hai cincuenta anos, con Xoán XXIII e o Concilio Vaticano II, presentouse a oportunidade de ouro para un cambio de rumbo na Igrexa. Pero moitos, empezando polo mesmo Vaticano, non o quixeron facer. Despois de Paulo VI chegou Xoán Paulo II co propósito de saír ao mundo espertando as ilusións e provocando nas masas aquela exclamación: ”Juán Pablo segundo te quiere todo el mundo”. As concentracións de fieis para encontrarse con el eran asombrosas. Pero, como el mesmo defraudado recoñeceu, pouco antes de morrer, as multitudes ían ao seu encontro festexándoo, aplaudíndoo e aclamándoo, pero logo non entraban nas igrexas nin cambiaba nada nas súas vidas. Vivimos nunha sociedade na que reina o positivismo: tanto vales canto tes. Un mundo no que as promesas de nada serven. A predicación e as palabras levas o vento. Obras son amores. Queren vida exemplar, empezando polo clero e os xerarcas. “Exempla trahunt”, os exemplos arrastran. Algo parecido ao que fai o mesmo papa Francisco: Colle o teléfono e chama a unha persoa abusada por cregos pederastas en Granada para pedirlle perdón no nome da Igrexa. Esta Igrexa que leva moitos séculos medio durmida e, en bastantes casos, corrompida. Unha institución das máis antigas, que aparece no século I da nosa era conformada polos primeiros discípulos de Xesús o Nazareno. Foron estes os que recolleron e gardaron nos Evanxeos e a súa memoria que chega ata os nosos días. O que ensinou Xesús daquela é o mesmo, máis  ou menos, que o que lemos agora na biblia. Esa é a primeira igrexa, a verdadeira, a de Xesús, que debe  retornar para coller o rumbo de novo no mundo actual. Outra Igrexa é posible e necesaria. Urxe deixar atrás  esta vella e caduca institución de estilo medieval que ocultaba riquezas destapadas agora polo papa Francisco. Xa o dixera abertamente hai máis de cen nos Curros Enríquez: “De Cristo a mística esposa fixo nefando adulterio e a súa falta vergonzosa non terá perdón divino senón cando a Cristo torne dos brazos de Constantino”.

 

ESPERTA DO TEU SONO

Te puede interesar