A TRAXEDIA SIRIA

|

Resulta difícil de crer que o exército sirio utilizase gas contra a poboación dun barrio de Damasco, e que o fixese xusto cando estaba no país unha comisión técnica da ONU, a solicitude do Goberno sirio e Rusia, para comprobar se foi utilizado gas velenoso en Alepo.
Se fose así, ademais dun crime noxento, sería a decisión dun Goberno que está dirixido por parvos ou persoas que se volveron tolas, porque estarían chamando a unha intervención directa da OTAN co consenso da ONU. O tempo dirá se a utilización de armas químicas é certa, así como quen o fixo e con que finalidade. Denuncias anteriores resultaron falsas ou involucraban á oposición. Sen unha información contrastada as hipóteses hai que formulalas vendo a quen beneficia.
Sobre o terreo a iniciativa militar está en mans do Goberno de Assad. E quen está gañando a guerra non ten interese nunha intervención que só favorecería ao bando contrario; tal como esixen cada vez con maior insistencia Turquía, Francia e Reino Unido. Tampouco lle convén á Fronte Nusra e a Al Qaeda que ocuparon amplas áreas do Exercito Libre Sirio (ELS) no norte do país, xa que perderían a hexemonía que hoxe teñen na oposición armada. Todo coloca a lupa naqueles que van perdendo coa evolución da guerra, concretamente o ELS e os estados que lle dan arroupe; máxime cando os intereses de Turquía foron moi afectados pola rebelión popular e golpe militar contra Morsi en Exipto.
En resumo. A evolución da situación en Exipto, onde todas as saídas están abertas, mesmo as opostas ás potencias occidentais para Medio Oriente, e que as cousas no campo militar en Siria non van como se esperaba pola OTAN e as monarquias do Golfo, poden estar alentando máis que nunca unha intervención militar directa.
Apoia esta hipótese a masiva e rápida resposta mediática, lóxica na difusión da noticia, mais non no referente a que xa se culpabilizara o Goberno e deran cifras concretas de falecidos, cando non existe seguridade dos executores e do número de mortos.
Nun tema de tanta gravidade a rigorosidade é fundamental, especialmente cando pode dar pulo á extensión da guerra. Esperemos que algún día se saiba a verdade.

 

A TRAXEDIA SIRIA