Cando ter a razón serve de pouco

Tribunal Xeral da Unión Europea acaba de botar abaixo a decisión da UE que esixía a devolución das contías pola aplicación do Tax Lease na construción naval de 2007 a 2011. A supresión destas desgravacións fiscais tivo unhas gravísimas consecuencias sobre as empresas e o emprego na Galiza. Os estaleiros de Vigo, que daquela estaban en plena ocupación, non se deron recuperado, e en Ferrol sería un peso morto máis, que se sumou ao impedimento da construción naval civil. O mal estaba feito. Destruíronse milleiros de empregos directos e indirectos, perdéronse mercados, e recuperalos non será doado. As medidas alternativas posteriores non deron resultado, xa que tardaron moito tempo en poñerse en práctica e tiñan un carácter limitado en relación co Tax Lease.

Chama a atención que esta decisión fose tomada sendo Joaquín Almunia o comisario da UE (fora ministro co PSOE), despois dunha denuncia formulada por Holanda. Na primeira resolución da Unión Europea, as devolucións afectaban a armadores, estaleiros e entidades financiadoras. Porén, despois dunha reclamación dos armadores noruegueses, fíxose unha rectificación exluíndo os armadores, malia seren os principais beneficiarios do Tax Lease. Cómpre lembrar que, aínda que agora o Goberno central e máis a Xunta argumentan con satisfacción que o Tribunal dálles a razón, daquela, perderan o tempo en todo tipo de conversas de cúpulas, facendo caso omiso da esixencia dos sindicatos e partidos que pedían que se recorrese axiña a resolución, e que se denunciase a Holanda onde a construción naval contaba cun 60% de axudas públicas.

Podería ser unha liña de investigación a existencia dunha conspiración. En calquera caso, o certo é que os efectos da decisión da Comisión Europea desfixeron o naval galego en beneficio dese sector en Holanda.

Ademais, a denuncia do Goberno español contra Holanda non foi tida en consideración por Bruxelas. Demasiadas casualidades. Agora o sector pensa nas compensacións. Esta pode ser unha solución para os empresarios, mais non compensa os custes para os traballadores e para o país. E por último: non tiña o Estado español máis recursos para premer a Comisión?

 

Cando ter a razón serve de pouco

Te puede interesar