OS ORFOS

Hai veces que me perdo intelectualmente, recoñézoo. O que parece que aparentemente camiña nunha dirección, despois resulta todo o contrario. Digo isto polo que a continuación lles vou comentar. Supoño que a algúns de vostedes lles terá pasado o mesmo. Despois de máis dun ano recibindo informacións diversas do nacionalismo, das súas discrepancias internas, das súas propostas e opcións e do seu debate orgánico e ideolóxico, resulta que nos viñeron dicindo que a UPG, organización maioritaria dentro do BNG, asfixiaba os moderados, que tiñan diferentes sensibilidades, pois o carácter radical, marxista da UPG, non permitía e limitaba outras opcións de esquerdas, que dentro de posturas nacionalistas puidesen facer unha oferta máis axustada aos tempos.

Como consecuencia diso, prodúcense varias escisións, coñecidas por todos, nas que presuntamente nacería unha nova formación galega, nacionalista e de esquerdas, que daría cabida a novas incorporacións e osixenaría ao novo nacionalismo.

Formulada así a situación, os escindidos presentaríanse como a “nova cara do século XXI” e permitirían un crecemento do nacionalismo dende posicións máis abertas á cidadanía en xeral. Pois ben, uns meses despois, e previsiblemente sorprendidos polo adianto electoral do presidente Feijoo, resulta que os dous grupos separados do BNG son incapaces de xuntarse entre si; e desta circunstancia non creo que sexan responsables os bos da UPG. A maiores a “nova sabia moderada” personalízase nun vello líder que xa se presentara ás eleccións galegas de 1981; si leron ben, 1981, tempos nos que este narrador tiña 13 anos de idade, aínda que todo hai que dicilo, xa era do Atleti.

A maiores estes “moderados” formulan unha coalición prelectoral co Partido Comunista e a FPG, propoñendo unha “fronte anticapitalista”. Mánda carallo na Habana! E eu cuestiónome se eran necesarias tantas alforxas para tan curta viaxe. Ao final, os electores nacionalistas terán dúas opcións radicais, e os moderados seguirán órfos como antes, como sempre.

OS ORFOS

Te puede interesar