Tódolos medios informativos seguen recollendo novas relacionadas coa recente historia económica de Cataluña, principalmente desde que don Jordi Pujol acadou o cargo de President da Generalitat, onde só permaneceu 23 anos, case toda unha vida laboral. Máxime se temos en conta que o inicio destas décadas de historia catalana parece que comezaron antes da súa chegada á “honorabilidade” derivada do cargo. Nunha palabra que Cataluña segue sendo noticia non só pola situación que se deriva da anunciada consulta ó pobo catalán sobre o que pensa do que debería ser o seu futuro. Como pretender saber o que a xente opina non pode facer mal (nin ben) a ninguén, cando esa consulta está presentada como algo non vinculante, non acabo de entender moi ben o porqué de tanta liorta. Se gaña o si ó que for non vai acontecer nada. E se gañase o non tampouco. Visto desde fóra non parece estar nada claro cal sería o resultado. O que si permitiría, sen dúbida ningunha, é poder contar cunha panorámica que hoxe non existe para nada. Moi frecuentemente as cousas adoitan ser diferentes do que nos poidan parecer. No caso catalán, concretamente, eu non poñería a man no lume por ningún resultado nunha consulta como a que está enriba da mesa. E menos aínda se se tratase dun referendo ou dun plebiscito, onde si habería un mandato cidadán para seguir un camiño ou outro. Penso que moita xente levaría sorpresas variadas. Non vexo pois tanto medo e tanto xogo suxo polo medio. Principalmente do goberno central. Do PP comandado por Mariano Rajoy. Este tema vai seguir ocupando moito espazo informativo en detrimento doutros asuntos en absoluto carentes de interese. O último, gravísimo, o que se acaba de facer público sobre o uso de tarxetas presuntamente ilegais, utilizadas por todos, ou case todos, os que estiveron presentes en consellos de Caja Madrid ou Bankia, representantes de partidos políticos ou sindicatos incluídos. Un novo escándalo verdadeiramente vergoñento, mírese por onde se mire. De entrada habería que darlles a máxima publicidade a todos e a cada un dos nomes partícipes neste tipo de operacións. Airealos ben para cabal coñecemento de amigos, veciños e coñecidos, aínda que sempre haberá quen poida atopar algunha disculpa para, cando menos, non lles retirar o saúdo. Poucos días antes soubemos de conversas e correos electrónicos onde diferentes “personaxes” da nosa miserenta vida pública ou política petaban en portas que consideraban doadamente franqueables pedindo de todo. Penso, que ó estar no medio de tanto escándalo abraiante, non se lle está dando de todo a importancia que este tipo de feitos merecerían. Porque que podemos esperar de quen actúa dos xeitos que se recollen nestas conversas dadas á luz contra a fin do mes pasado? Sinceramente, a min, que nada teño que ver con estes asuntos, nin con outros que puideran parecérselles, cáeme a cara a cachos, non me colle a vergoña allea no corpo, lendo por exemplo o que se di nun correo que hai tres anos lle enviou o actual presidente do Consello de Estado, o señor Romay Beccaría, don José Manuel, a don Gererdo Conde Roa, involucrado por outros asuntos nesta trama e nesa altura alcalde compostelano: “Otra petición más que someto a tu consideración por si estuviera dentro de tus necesidades y posibilidades”. O das “necesidades”, as “posibilidades” e, sobre todo, “otra petición” é completamente flipante. Isto de pedir a xente xa o ve case como normal. E o de dar, vulnerando o que haxe que vulnerar, tamén. Iso é o que explica que unha mai ourensá, cun fillo con moi graves problemas de crecemento, lle entregue unha carta ó rei pedíndolle axuda. Case todo o mundo fai e faría polos fillos todo o que puidese e máis. A boa da señora está, pois, ten un comportamento do máis esperable. O problema, ó meu entender, radica en que a petición ten resposta, en principio favorable, xa que a máxima autoridade do Estado, rediríxea a quen a pode facer efectiva, neste caso a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o que antes este organismo se negaba a facer, por iso dos recortes en apoio á sanidade privada, é moi posible que o acabe facendo. Sería fenomenal que así se fixese en tódolos casos iguais ou similares, mais dubido que así se faga. Estou totalmente convencido. E pregúntome, actuacións dese tipo terán algún nome concreto?