Galiza non quere ser o guión de outra cousa

Durante séculos de historia escura e caciquismo xentil Galiza sempre foi o guión doutra cousa. Sempre moeda de troco. Sempre territorio colonial coma pretos branco do imperio. Vendéronos todos os mitos habidos e por haber e crímolos. Alcumáronos do pior por todas as terras das Españas e das Américas. Porcos, ruíns, candongas, facareños, raposos, ignorantes, parvos, burros de cárrega, sumisos, bois de palla, ladróns... Dixeron e seguen a dizer da nosa indefinición ancestral, do noso minifundismo, do presunto paraíso onde nacimos... Mitos artellados fóra e dentro coa mesmiña cabeza de cuspe de grilo dos caloteadores profesionais! Rabudos, autárquicos, dispersos, foscos, selvaxes, soinas, infideis, treidores, disolutos... etiquetas xudeocristiás maiormente. Nós calamos e acollimos incluso de bo grao tantos alcumes.
Hoxe moitos deles resultan, cando menos, salvadores nun mundo capitalista pospetróleo forzados ao éxodo ás avesas, de volta ao rural, a un agro deleixado a mantenta polo poder e convertido nun ermo eucaliptal que arde dende os tempos da icona repovoadora do franquismo para fornecer ás mafias do papel, da madeira e do tixolo. (O PP acaba de aprobar ás caladas do verao a lei que consagra a urbanización do bosco tralo lume intencionado). 
Porén, o minifundismo autárquico debiamos de patentalo e exportalo a todo o planeta! Non precisamos a ninguén. Sobor de todo se eses alguén sempre viñeron a se lucrar ás nosas costas!.Se na antiga Grecia tiñan as cidades-estado, aquí temos as aldeas-estado. A única diferencia é que nós non escrevemos libros de historia que se vendan para fóra das minorías concienciadas.
Cando a educación ambiental entrou como moda allea na Galiza, meu pai ría ás gargalladas lembrándome que os labregos sempre foramos recicladores. Os tres erres, reducir, reutilizar e reciclar, nesa mesma orde fixeranse sempre nas aldeas, máis por necesidade que por conciencia, até que chegaron os pesticidas das multinacionais e os plásticos e mailas estradas imperiais.
Curioso o que conta Miguel-Anxo Murado en Outra idea de Galicia. Sempre sofremos os boomerang históricos. Disque o azeite das sardiñas galegas (supoño que das conserveiras catalanas) exportábase a Manchester para manter en funcionamento as máquinas téxtis do algodón que os británicos lles roubaban aos hindús. E foi ese mesmo algodón o que afundiu a industria e o cultivo do liño na nosa Terra. Paradoxos dun mundo que xa daquela fora globalizado polo capitalismo mozo. Este é o círculo globalizador dos que poden, dos cidadáns do mundo!
Así que Galiza está xa escaldada de espiritualidades progresistas que veñen de fóra coas mellores galas para nos malvender e acalar. Nunca virá de fóra remedio ou esperanza...que cantaba o poeta! 
O mesianismo, a crenza en que chegará un mesías, un unxido, a nos solucionar os problemas, a nos sacar as castañas do lume é unha crenza moi perniciosa que vai a acabar cos nosos soutos, e xa fican poucos. 
Nos quilómetros cero, nas cabezas dos polbos meseteiros xurden unxidos para acalar ás masas en sentada,en pitada e en constante loita popular. Mais os unxidos non son só persoas investidas de autoridade proprias de sociedades teocráticas, senón tamén xentes untadas con materias graxas, con azeites de sardiñas para teares alleos. E son, tamén os unxidos ou mesías, administradores dos santos óleos na estrema unción. E non há que esquecer que Galiza sempre foi para os máis o país dos mortos. Aquí embarcan todos cara ao Alén.
Para os mesías universalistas a lingua e a cultura, a economía e os costumes nosos non son máis que algo segundeiro que há que aparcar para outro futuro imperfecto. Mais nós, os galegos estamos fartos de ír ás recuadas. Nós, os galegos, non queremos ser o guión de Outra Cousa.
No galego non existe o pretérito perfecto. Só falamos en indefinidos porque nunca tivemos presentes. Na Galiza, na terra das marés vivas, todo se está a mover, como os barcos nos peiraos e na alta mar. Todo se move en perífrases verbais. Nunca hemos hecho nada. Sempre estamos a fazer! E non damos feito. Sempre vén alguén máis guapo a nos afear. Sempre chega o latifundista a nos esmagar o minifundio da supervivencia e independenza nacional!
Mais agora é o intre histórico. Castelao escaldou por todos nós e deixounos o Sempre en Galiza para que non cruzaramos endexamais o río do esquecemento!. Ai, os canguerexos de madrí dos seus debuxos. Aquela cova dos carcamáns: na cova dos carcamáns había unha caveira de cristián fazendo de peto das ánimas. As furnas e bufadoiros onde entran e saen as marés, onde fan sons estarrecedores que remedan seres doutros mundos animados pola pantasía das xentes.
O kraken, a dizer de Cunqueiro, era un polbo xigante, caroso de atopar no fondo dos mares. Había un temor a atopalo nos mariñeiros porque podía afundir a embarcación nun bater de brazo e levarte para sempre ao fondo sen fondo, escuro e monstroso do oceano. E España é un grande kraken coa cabeza no fondo da meseta e os pés ventosos para se pegar ás provincias das que se alimenta. Disque os polbos do Carballiño chegaban terra adentro vivos, en barcos, dentro de bocois de auga salgada. 
Así tiñamos que viaxar nós ao parlamento español, todos dentro de bocois de auga de mar, de maré galega, vivos e con oito pés ventosos que se agarraran á galeguidade cos tentáculos da supervivencia nacional. Que digo oito, oitocentos pés, un por cada paróquia, un por cada aldea-estado. Para que saiban nas Españas como é que se cría o mexillón, o que custa coller un polbo ou un percebe no bravo mar dos cantís atlánticos e o regalado que é nas farturentas mesas de secano onde os galegos seguen a fazer de mozos de corda e augadores!
Non queremos ser bonecos de mesías. Non queremos ser o guión de ninguén. Imos escrever coa nosa letra e a nosa música a nosa propria melodía aquí e no parlamento español para que ninguén fale por nós do noso. Para falar por nós mesmos como povo adulto e non adulterado.

Galiza non quere ser o guión de outra cousa

Te puede interesar