Un pulo á economía real

Vivimos xa desde vai unhas décadas unha concentración cada vez maior da riqueza en mans de uns poucos. Ese 1% da humanidade do que todo o mundo fala mais ninguén coñece, excepto eses catro rostros alardeados como iconas do triunfo persoal e modelos a seguir polo resto da sociedade.

Desde vai tempo os grandes posuidores do diñeiro, fondos de inversión, de pensións ect... cada vez máis están a acaparar o noso consumo en contra dos pequenos comercios os cales, levan con nos toda a vida. Grandes superficies de venta especializada tipo Decathlon o cal, onde se instala provoca o peche de ducias de pequenos comercios do ramo en Km a redonda, IKEA o cal vino arruinar as moblerías de toda a vida, ademais de cambiarnos as pautas de consumo xa que, o que esta multinacional do moble vende son mobles de usar e tirar. Antes e non me refiro a vai séculos, os mobles que se compraban eran mobles pra toda unha vida os cales, incluso pasaban dos pais as fillas-os. Mobles de calidade en maior o menor medida que cando tiñan un problema levabanse a restaurar. Hoxe en día o negocio que nos propón este sueco, é de mercar uns mobles pra o cabo de uns anos ter que tiralos e mercarlle outros. O que pensamos que sae barato( xa sen contar a man de obra e o  tempo pra montalos e transportalos que o pos ti) sae dúas veces caro. A obsolescencia programada o máis ben percibida, levada ao sector do moble Tamén poderíamos falar destes grandes multinacionais da bricomanía as cales, tamén teñen como gran éxito provocar o peche das ferretería de toda unha vida alí onde se instalan ou das mega clínicas dentais, das mega academias de idiomas ect...

Porque este modelo de negocio ademais de arruinar e provocar o peche de milleiros de pequenos comercios, é un tipo de modelo no que a depredación medioambiental e laboral das traballadoras-es, é o seu Lev motiv pra obtención de grandes beneficios. Que ninguén dubide que por exemplo calquera dos mobles que vende o sueco, son iguais na súa produción e montaxe, que calquer paquete de ensaladas que mercamos no supermercados; as patas do moble de Centro-África, os laterais de América do Sur, o fronte do sudeste asiático, empaquetase en Eslovenia, pra vir a venderse A Coruña. Mobles que veñen totalmente empapados en petróleo. Todo onde producir saia máis barato, a costa de depredar o medio e a costa da saúde e dos dereitos das traballadoras-es. Ademais nos lugares que se instalan estas multinacionais como dixen antes, aparte de provocar o peche de numerosos comercios do ramos en un radio de case 15Km a redonda, tamén están a facer que os cartos da comunidade emigren a non se sabe onde( ben podemos imaxinalo) e que soamente unha moi pequena parte quede pra pagar servizos básicos, como o funcionamento dos establecementos ademais dos salarios das traballadoras-es. Traballadoras que na súa maior parte están a tempo parcial ou de fin de semana(nutrense polo xeral de estudantas-es) sen ningunha clase de dereito en total precariedade. Traballadoras que en moitos casos non se lles permite estar afiliadas a determinados sindicatos como por exemplo a CIG aquí na Galiza pra incluso chegar a recomendarlles que se afilien a sindicatos españois (por algo será).

Pola contra a outra faciana da moeda a representan os pequenos comercios, os cales levan connosco toda a vida. Comercios que son os verdadeiros creadores de emprego e riqueza no sector servizos. Empregos polo xeral (indubidábel é que ha excepcións) de maior calidade nos que na maioría das ocasións, as empregadas-os chegan a traballar no comercio ata o retiro, e a calidade das relacións entre a empregada-o e a dona-o, pode cualificarse perfectamente de familiares. Nin que dicir ten que cando mercamos nos comercios locais, estamos a mellorar a economía da comunidade, xa que son o motor da economía real das sociedades e polo xeral os cartos que xeran no emigran fora da localidade. Ademais son negocios que pagan os seus impostos alí onde se asentan a diferenza das grandes superficies, que centralizan todos os seus impostos a miles de Km do noso país. Ademais mercar no comercio de proximidade, supón estimular as ventas de un maior numero de produtos locais, onde con certeza a relación que ten o produtor co distribuidor, é unha relación máis xusta e onde a calidade do produto con toda probabilidade é maior. Ademais consumir este tipo de produtos feitos nos nosos povos significa a creación de máis postos de traballo no lugar, xunto que estes produtos traen unha pegada ecolóxica menor.

Compre dicir que si non é polo pequeno comercio, os barrios nunca estarían dinamizados xa que, a implantación do comercio nos barrios, supón de efecto chamada pra que se instalen nestes, un maior numero de servizos públicos . Servizos básicos como as zonas verdes ou zonas de ocio, algo tan fulcral sobre todo pra as nosas crianzas. 

Xa pra rematar, aquí na Galiza termos máis de un exemplo de como podese mellorar as cidades e os povos nos casos de Pontevedra e Allariz. Unha cidade a do lérez, que é referente mundial cuxo centro da cidade esta repleto de pequenos comercios, e os locais co cartel de aluguer son inexistentes Unha cidade na que as súas gobernantas-es  como non, tiñan que ser nacionalistas, fixeron un traballo a prol da cidadanía, a prol da cidade, a prol da economía real en vez de favorecer o beneficio da elite, en vez de favorecer a especulación. Ou Allariz que despois de máis de 25 anos de nacionalismo, a mestura de cidade-rural que conforma este povo, atopase totalmente dinamizada con os seus sectores produtivos, coas súas potencialidades totalmente en auxe e a maioría dos seus produtos, alcanzan as máximas distincións de calidade, quer a nivel de país quer a nivel internacional.

En definitiva mercar no pequeno comercio é asegurarnos cidades e barrios saudábeis, onde co noso consumo intelixente e responsábel, estamos a favorecer a economía verdadeira da comunidade, do país, estamos a crear postos de traballo locais, estamos a favorecer o medio ambiente, ademais de estar creando riqueza no lugar que habitamos, algo que vai repercutir de xeito favorábel na nosa propria vida e sobre todo na vida das nosas crianzas. “Volvamos ao capitalismo social, abandonemos aos depredadores” Nicolás Sarkozy no seu discurso ante o G-8 ao comenzo da crise do 2011.

Un pulo á economía real

Te puede interesar