Todos os grandes artistas sempre, pero en especial na etapa contemporánea, a da expansión do capitalismo, caracterízanse por seren tamén, de forma directa ou indirecta, explícita ou implícita, cronistas dos seus respectivos pobos, da súa sorte e función no sistema en expansión, alén de facéreno a través da especificidade da súa arte. A fins do ano 1918, o xornal madrileño El Sol (8 de Nadal) publicaba, en primeira páxina, un debuxo ou caricatura de Castelao, baixo epígrafe En Galicia. Vemos unha morea ou riada humana, homes, mulleres e nenos, apiñados nunha rada portuaria á espera de embarcaren nun vapor camiño de América. É un conxunto que se vai construíndo, como unha masa, individuos debuxados de costas, desde os que vemos co corpo enteiro do primeiro plano até unha infinidade de cabezas progresivamente máis pequenas, nunha perspectiva de fondo. A sinxeleza das liñas abonda para caracterizar todos os individuos como pertencentes ás clases populares, en particular xentes labregas, e para mostrar tristes despedidas familiares.
A finais de 1918 o escenario político español vivía unha convulsión inusitada que anunciaba unha crise irreversíbel do réxime da Restauración monárquica de 1875, fundamentado no bipartidismo, na confesionalidade do Estado, no centralismo e no control social, económico e ideolóxico oligárquico.
A verdade é que había dúas forzas que impulsaban esta crise: a loita das clases traballadoras, da fábrica e do campo, coas súas reivindicacións sociais e económicas e as súas folgas revolucionarias como a de 1917, de clara orientación anarquista, e os movementos nacionalistas, moi en especial o catalán. Centrándonos en nós mesmos, por estes anos asistimos a unhas mobilizacións labregas sen parangón no resto do Estado, xustamente para lograr o fin do foro, a prol da propiedade plena da terra por parte de quen a traballaba: os asasinatos de labregos en Sofán, Nebra, Oseira ou Narón por parte da Garda Civil dan conta da represión con que os Gobernos responderon.
Porén quen, coa súa iniciativa política, intentou deslexitimar o réxime desde dentro foi Cambó e a súa convocatoria de Asemblea de Parlamentarios disidentes para forzar un proceso constituinte que abrise unha nova etapa democrática no Estado, coa mudanza da súa natureza centralista a outra descentralizada. O catalanismo moderado non estaba disposto xa a ser convidado de pedra no escenario político español nin só a mendigar concesións graciosas do goberno español de quenda. Apuntábase á esixencia da mudanza constitucional e de réxime.
Aquí, na nosa Galiza, perante a nova conxuntura, os nacionalistas das Irmandades da Fala, entre eles Castelao, acordaron concretar un programa reivindicativo desde as necesidades de Galiza, O Manifesto da I Asemblea Nazonalista de Lugo (Nadal, 1918), con vistas a o país non ficar descolgado de calquera negociación sobre a estrutura do Estado e para que aparecese con perfil claro como pobo diferente. Cambó mostrou en repetidas ocasións o seu interese en axudar os nacionalistas galegos por seren a única forza que, en Galiza e para Galiza, podería romper o dominio caciquil, bipartito, que os partidos turnantes exercían sobre o pobo galego, negando sempre os seus intereses, en nome dos intereses superiores de España.
Neste contexto, elabora Castelao a viñeta devandita para El Sol. Ao pé dela recorre a un diálogo, no que alguén perante a devandita multitude concentrada pregunta: “-E estes piden tamén a autonomía?”. O outro responde: “-Non. Os galegos non piden nada. Emigran”. En efecto, na crise do réxime, Cataluña optaba por superala apostando por un novo modelo de Estado que respectase a súa condición de pobo diferente, con dereitos. A Galiza, dominada polo sucursalismo, optaba polo silencio, mentres moreas de xentes, incluídas as máis novas, ían camiño da emigración, como sempre. Velaquí unha das funcións básicas que nos teñen reservada como pobo. E xa sabemos a onde conduce, á extinción. Castelao insería así, ou relacionaba, un noso problema, xa endémico, cun debate político que Galiza necesitaba dar, asumir desde ela mesma máis do que ninguén. Non hai ningún parecido coa situación actual?
Castelao é o noso máis grande artista plástico, e o cronista máis fiel e crítico da nosa situación, da nosa capacidade e da nosa idiosincrasia como pobo. Como pode estar agochado e oculto? Non debería estar á vista e podermos acceder á súa arte e á súa intención? Asinemos todos a Iniciativa Lexislativa Popular promovida por Galiza Cultura (Sociedade Cultural Medulio en Ferrolterra) con esta finalidade. Non toleremos que nos sigan privando da nosa historia, dos nosos esforzos e do coñecemento do que fomos e da esperanza do que podemos chegar a ser.