A pirámede eleitoral do Val dos Reis

Quen escreveu aquilo de que non se deve fazer leña da árvore caída nunca pisou unha floresta. Porque calquera que non entrara por unha porta xiratoria a un consello de administración dunha pasteira do eucaliptus globulus ou do nitens está sabido de que do que non se deve fazer leña, e moito menos pasta, é da árvore en pé.
A nova cita eleitoral non nos vai convocar, dende logo, a política forestal ningunha. E iso que o grande home non grato en funcións,e mailo pequeniño que governa en provincias, inmortalizaron a concesión á pasteira Ence con nouturnidade e alevosía. Por que será que a política forestal non terá espazo na nova campaña eleitoral que se aveciña. Tampouco a agrogandeira nin a pesqueira, para qué.Total só son o trespés da Galiza. E iso que naquel ventureiro pacto entre o PSOE e os que se din Cidadáns acaxomaran aprovar unha lei de morte digna na que, polo de agora, entran máis as vacas do que os vaqueiros galegos. Agora escomenzamos a palpar o que albiscava Fraga coa nova Baviera. 
Seica a política tecnocrática e neoliberal que nos asolaga, afoga calquera posibilidade de actuación sobre do real. A política virtual e líquida escorrega polos sumidoiros e verquedoiros sen desembocar endexamais na realidade. Nin os autonomeados antisistema son quen de reciclar o máis mínimo plástico organizativo ou reutilizar o que hai. A pirámide medieval latexa solermiña nos partidos onde a horizontalidade semella máis un leito con dereito a pernada ca un poder das bases. Todo se enforna enriba, nos cumios dos cúmulos e cirros onde o ollo do deus Pan bombardea os nuveiros a gosto dos mercados e dos tratados de livre comercio. Porque dende que o marxismo é a besta preta e calquera socialdemócrata de postín pasa por revolucionario, xa non precisamos nen teses nen antiteses. Os problemas do povo galego, agora que xa non há clases senón amoados de individuos livrepensadores e cosmopolitas, esluiron nas cloacas polos tanques das treboadas sen síntese posivel. E agora o mundo pinta dun sintético cor de pintura plástica que só serve para pintarraxar a fachada exterior dos locais de partidos e sindicatos cun plasticor da mesma composición do que as fachadas das empresas multinacionais e universalistas esperánticas. Todo cunde máis pintando con leais!.E o éxito a calquera prezo de furna eleitoral desbota do panorama calquera síndrome de Polícrates. Ninguén contemplou ainda o fracaso do éxito como única alternativa. No sistema, miremos por onde mirar, enxérgase a lealdade como servidume. Niso tanto ten imperio do que colonia. 
É por iso que as xentes trabucan os trabucos e coidan que o Ferrol rebelde non é máis ca un paseo por cen anos de historia obreira aos que un governo, que é ou non é unha marea, lembra un pasado a voo de paxaro mentres esquece un presente de ría noxenta, empresas privadas concesionadas a perpetuidade e tanques de tormentas e treboadas que mesturan augas dos ceos apodrecidas con outras desbotadas dos inodoros terrenais. É bo lembrar que há un escudo republicano na fachada do fermoso edificio dos correios de Ferrol, máis tamén há pegadas da liorta entre nacionalistas republicáns de esquerdas e anarquistas e republicáns españoleiros ás ordes dunha burguesía allea e liberal. Pegadas que se agochan nos contedores dos refugallos orgánicos onde van parar a outra concesionaria caduca todo o que sobexa e non estamos disposto a reutilizar. Ao fin, o novo enfornado eleitoral é o devedor e malpago espello daquela república que non quixo ser galega mais que para empregar a forza de noso ao servizo de seus intereses espúreos. Menos mal que lembran que houvo un Centro Obreiro na praza Pablo Iglesias e que eran máis socialistas que socioslistos como son agora. E se o finado Pablo Iglesias foi andando até Madrí, o de agora fai camiño de volta. Españois e ás ordes doutro estado que non era nen é o noso. O Padornelo sempre foi unha fronteira movediza e o noso río sempre foi do esquecemento. Ao fin, a desmemoria é a mellor arma do poder imperial.
En sendo nacionalista de esquerdas non há lugar, polo momento, mais que na marxinalidade das aldeas esquecidas onde apozan as augas máis puras que non se deixan embotellar. Os nacionalistas oficiais de un e outro bautismo seguen ás leas, esfragados en loitas fratricidas lonxe dos problemas reais da mocidade, das mulleres, do rural...e nin na política lingüística, no centenario das Irmandades da Fala, son que de artellar un plantexamento anovador que chegue a esa defensa do arredismo galeguista na Habana dos anos vinte ou no Bos Aires dos anos trinta. Estou a pensar na aposta nidia pola integración no tronco da galeguía ou lusofonía e no apoio rexo a un Carvalho Calero ou a un Guerra da Cal. E digo polo de agora porque o nacionalismo galego, trala losqueada do centralismo teledirixido, e a cegueira ancestral na que derivan,terá que renascer das cinsas da nosa floresta ou ser pasto das lapas a fornecer alleas pasteiras.
O nacionalismo galego ten que tirar o betume escuro e as lousas de paseo marítimo de praia urbana de bandeira azul europeia. O victimismo de escudería aveludada. Volver ao estrume e ao areal dunar. Desbotar o industrialismo no rural e o urbanicismo que o aquela. Crebar o academicismo sen renunciar á raigame. Como un salmón lendario de Caaveiro, volver ás orixes para desovar, choutando por riba dos prantos hidroeletricos e as augas encoradas. Á cultura cultivo da terra. Á lembranza do saltón que se encolle para coller o pulo do brinco. Deixar esa política de brincadeira e cara de parede de monxe budista. Fazerse rúa sen populismo. Deixar a cadeira maxistral de facto. Ser agora ágora. Apoiar o tecido das bases que sobreviven na teima por outro sistema.
E, por riba de todo, artellar dun xeito intelixivel, non só que queremos ser un país, senón qué país. Defender alto e claro, na acción, todos os ismos da economía decrescentistae todo o que iso conlevar. Dende o localismo e a aposta polas cidades en transición até o ecofeminismo e a economía de cercanía. Clarexar a política enerxética. E unha pedagoxía que cuestione no cerne o sistema escolar. Saber que a pesca sen morte só é posivel nos bandullos cheos ou agradecidos. Porque non se pode navegar a un tempo por ríos que endexamais afluirán.
 

A pirámede eleitoral do Val dos Reis

Te puede interesar