DAVID BOWIE FOREVER

Hai uns días, ó coñecer a noticia da morte de David Bowie -cos seus 69 anos cumpridos dous días antes-, inmediatamente me veu á cabeza aquela improvisada viaxe a Barcelona realizada expresamente, ou case, para velo en vivo e en directo. Van aló 25 anos pasados, xa que foi cando o verán de 1990 andaba a darnos as últimas calores. De feito, se a memoria non me falla, a medida que se ía metendo a noite medraba ese fresquiño que anunciaba a inminente chegada do outono. Non en balde estabamos na montaña barcelonesa, no Estadio Olímpico de Montjuïc, e era a tarde-noite do 16 de setembro. O chamado Duque Branco, que andaba por medio mundo co espectáculo Sound+Vision Tour, viña de Lisboa, de actuar no vello Estádio de Alvalade, o do Sporting, dous días antes. E foi precisamente lendo a noticia desa actuación que, así polas boas, pensamos na posibilidade de ir a velo a Barcelona, peche dos seus concertos na Península (xa estivera en Xixón e Madrid). Miramos se había voos, a prezos axeitados, e entradas e como resultou que si preparamos a inminente viaxe á capital de Cataluña. O prezo das entradas foi o que, posiblemente, facilitou a súa adquisición. Eran, paréceme recordar, por volta das 3.000 pesetas -que aínda non nos inventaran o euro para nos espremer máis e mellor- e iso, sen dúbida, botou para atrás a bastante xente. Con todo, houbo persoal de abondo, mais nada de sufoco. Foron ó redor dun par de horas de nostalxia, escoitando temas como "Space Oddity", "Ziggy Stardust", "Modern Lover", "Young Americans", "Heroes", "Ash To Ashes", "Blue Jean", "Rebel, Rebel", "China Girl", "Life On Mars?" e algúns máis que xa non me acordan e fóra da memoria non os teño apuntados. Se cadra andarán por algunha crónica xornalística, mais non creo que aquí e agora pague a pena buscala. Bowie preparara esta gran tournée mundial manifestando que con ela pretendía pechar un ciclo, polo que eses concertos serían os últimos en que interpretase os seus grandes éxitos, propósito que me parece que non foi quen de cumprir. Cando menos tal cal, ó pé da letra. Embarcaríase en proxectos novos que serían os que presentaría nos seus posteriores directos. Agás o derradeiro, o álbum Blackstar, que xa non chegou a tempo para facelo, xa que viu a luz un case nada antes, dous días, da súa morte. Non obstante, anunciando a súa saída pasaron pola televisión un vídeo de promoción onde aparecía o artista interpretando unha das cancións cun aspecto que non auguraba nada bo. Iso me pareceu. Mais como non houbo alusións ó seu estado de saúde, nada me fixo presentir que estaba a pique de morrer, como así foi. Fóra da música e dos espectáculos que nos deixou, sempre admirei a vontade transgresora que David Bowie a cotío manifestou. A miúdo utilizou o marketing, mais sempre actuou cun saber estar, cunha pulcritude e cunha elegancia moi afastadas dos infantís xogos, supostamente transgresores, que estamos contemplando no actual día a día.

DAVID BOWIE FOREVER

Te puede interesar