En tempo de bonanza, cando o sol emerxe por riba do monte Marraxón, aluma a avenida do mar que vai dende Telleiras en Caranza ata moi preto do mosteiro de San Martiño de Xubia despois de atravesar a Gándara e a Faísca. Un percorrido duns seis quilómetros, ida e volta, un moi axeitado camiño que eu fago remoendo nas cousas do ceo e da terra.
A miúdo paseo as miñas saudades por toda esta beiramar. Nas radiantes mañanciñas de maio, xa ben entrada a primavera, ¡que fermosos cores na paisaxe e que fermosos os rechouchíos de verderolos, xílgaros e merlos moi atarefados na crianza das súas roladas!. Tolos de amor todos eles, ¡como un canto da natureza!
Na miña andaina atopo unha recente plantación de árbores a rentes do camiño, onde pinos e castaños agromando coma un milagre as súas primeiras follas prometen, se Deus os protexe do home e do vento, a formación dun fermoso bosque que fará algún dia a ledicia de homes e paxaros. É este o terceiro intento, a ver se desta volta, a barbarie imperante os deixa medrar. Parabéns ao concello de Narón pola iniciativa. Entre castaños e pinos hai espallados algúns exemplares de Cercis Siliquastrum, tamén coñecido como algarrobo tolo, árbore de Xudea e por algúns árbore do amor, semella que debido a cor rosa das súas flores e mesmo á forma de corazón das súas follas. Seu nome culto está relacionado co seu froito xa que Cercis proven do grego Kerkis que significa nave pola forma deste e Siliqua quere dicir algarroba. Tamén é coñecido como árbore de Xudea ou de Xudas xa que segundo a tradición, Judas Iscariote, arrepentido por haber traizoado ao noso señor Xesucristo por trinta moedas de prata, aforcouse nunha das súas polas. Conta a lenda que dende entón desta árbore agroman bágoas. Seu valor é soamente ornamental xa que a súa madeira, pouco resistente, non ten aplicación en carpintería ou ebanistería. Aínda así na miña colección de bastóns enxebres, recollidos aquí e acolá e traballados a navalla e cristal, conto con un saído dunha das ramas dun exemplar que alguén plantou nun xardín moi preto do meu castelo. Semella que aínda quedan románticos neste mundiño de nós.
Paxariño louro/ gaiteiriño lindo/ cántame no peito/ que o teño ferido.