Damnatio memoriae

hega con botar unha ollada a internet para saber que “damnatio memoriae” é unha locución latina que significa “condena da memoria”. Foi unha práctica iniciada polo Imperio Romano para eliminar da memoria colectiva calquera lembranza que puidera manterse entre a cidadanía a favor de persoa ou causa pública. Parva misión. As xentes de ben nunca deixaron de recordar ás autoridades, movementos políticos e feitos históricos que representaron un avance social ou mostra de dignificade, fidelidade e sacrificio consecuente cun xuramento ou principio de actuación. Por moito que o Senado imperial tiver decretada a orde de afastar canto lembrase á persoa obxecto de morte institucional coa eliminación de imaxes, monumentos, inscricións ou orde expresa de usar o se nome en público. 
Porén, os tempos mudaron nas formas aínda que non tanto no fondo das malas prácticas empregadas por esta civilización de varias centurias que deixou fonda pegada entre os seus herdeiros. Velaí, a situación de impunidade da que gozan os verdugos do franquismo, autores de crimes de lesa humanidades que foron amnistiados nun pacto de transición política que continúa a producir un xeito de xustiza á inversa, amosado no evidente no trato que recibe a familia de Franco á hora de promover querelas e denuncias contra investigadores que esixido, con proba documental do espolio forzado, a devolución do patrimonio público furtado, entre outros, á sociedade galega. Non esquezamos tampouco o marchar de rosiñas, cando non ascendidos, dos responsábeis de torturas e represión.
Por iso, conmemoramos novamente o Día da Galiza Mártir, lembranza do infame fusilamento de Alexandre Bóveda, símbolo icónico que se escolleu para honra ás vítimas da represión franquista, maxistralmente sinaladas por Castelao no texto da súa Alba de Gloria: “Nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición en arume de lenda. Bóveda terá que ser nun mañá, próximo ou máis adiante, a bandeira da nosa redención”. Vai sendo hora de que se faga xustiza institucional “á derradeira lección do mestre”.

Damnatio memoriae

Te puede interesar