A emigración como síntoma

Segundo o PERE, hai 493.970 galegos e galegas fóra do Estado español, mais só 158.133 naceron na Galiza. O que non din estas cifras é que no Estado español viven outros 352.000 galegos/as máis, nacidos aquí; aos que se deberían engadir os emigrantes temporais. Ou sexa, que este país ten 510.000 emigrantes, malia o envellecemento da poboación.
O que resulta paradoxal é que haxa tantos emigrantes galegos/as residindo no Estado español como inmigrantes na Galiza; aínda que o saldo é moi negativo, de ter en conta os que viven no resto do mundo.
Comecei dando estes datos xa que dan para cavilar un chisco. Primeiro, porque é tremendo que un 18% da poboación nacida na Galiza estea emigrada. Segundo, porque é difícil de aceptar que esta situación se manteña, tendo en consideración a riqueza do noso país en enerxía, a potencialidade do sector gandeiro, forestal e mineiro, e termos unha extensa costa e un clima excepcional. Terceiro, porque resulta evidente que, nen a autonomía, nen a integración na Unión Europea, mudaron esta tendencia que mantén o diferencial negativo en relación aos territorios con maior poder político dentro do Estado español, e que hipoteca calquera posibilidade de desenvolvemento futuro.
Non hai dúbida de que a supresión da autonomía tería un efecto devastador para as clases populares galegas, máxime nun contexto de globalización neoliberal, que concentra e centraliza riqueza e poder.
Porén, non se pode negar que a autonomía naceu castrada, carente dos mecanismos necesarios para superar séculos de marxinación, para poder planificar a economía e defender a propia identidade. Claro que tampouco axudou ren, para superar estes atrancos, que o país estivese case que sempre gobernado por un partido que coida que o fundamental é xestionar con eficacia o que se decide en Madrid e Bruxelas. Que renuncia a pensar en clave galega, a contarmos cun proxecto de desenvolvemento que teña en conta a nosa evolución histórica, particularidades e potencialidades. E moi especialmente, que non utiliza a forza política fronte ao centralismo, para acadar un reparto máis xusto da riqueza e do poder en beneficio da maioría social.

A emigración como síntoma

Te puede interesar