REBOIRAS, DALO TODO POLO POBO

Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia criouse en Teis, un dos barrios máis populares de Vigo, rente do estaleiro Vulcano. Naceu en Imo, concello de Dodro.
O 12 de agosto de 1975 foi asasinado pola policía franquista nun portal da rúa Terra de Ferrol, moi perto do edificio do Concello, despois de dúas horas de cerco. Reboiras era un home novo, tiña 25 anos, estaba acotío cun sorriso nos beizos, sempre disposto a traballar polo país, a escoitar máis que a falar..., e sabía o que quería.
Coñecino aos poucos meses de retornar da Arxentina, cando participaba dunha reunión en Compostela. Despois vivimos na mesma casa na Coruña (hai agora xusto 40 anos); el traballaba en Isolux e eu en Emesa, ambos como electricistas. Daquela os dous formábamos parte do recén creado Cumio Executivo da UPG.
A vivenda ficaba moi perto da cadea, estaba ateigada de cartaces cunha banda deseñada de Pepe Barros e texto de Xoán Darío Cabanas, e distribuíanse por todo o país. Era unha persoa inqueda, que facía traballo político arreo, uns días reuníase con obreiros na Coruña, outros con mariñeiros en Lira, algunhas veces visitaba ao crego de Sésamo, Moncho Valcárcel. Nalgunha oportunidade saíamos a facer pintadas, con todos os problemas que isto orixinaba: conseguir o spray, buscar o lugar axeitado, e evitar ser visto pola policía ou algún “chivato”.
O seu medio de transporte era un seat 600, polo cas viaxes non resultaban unha ledicia, tendo en conta como eran as estradas.
A primeiros de 1974 perdín contacto con el, por mor das diferenzas que a esta altura mantiña coa UPG, e polas que deixei o partido; asemade tiven que facer o servizo militar fóra de Galiza. En 1975 vino por última vez nun bar perto da Porta do Camiño, en Compostela, levaba unha perruca e bigote, custoume recoñecelo, mesmo dubidei que fose el. Estaba na clandestinidade.
Moncho foi clave durante ese curto período para consolidar a Fronte Obreira así como a cultural. Era un home do pobo, disciplinado, aberto a novas ideas, de fácil relación cos demais e, especialmente, era unha persoa solidaria e que loitaba co pobo pola xustiza social e os dereitos nacionais de Galiza.

 

REBOIRAS, DALO TODO POLO POBO

Te puede interesar