Aprendermos do de Trump

|

Pouco máis de 30 anos despois da Independencia dos USA , o poeta-e avogado- Francis Scott Key (1814) escrebiu estes versos no decurso da batalla da baía de Baltimore (Maryland),  cando os norteamericanos loitaron contra os británicos  a súa segunda guerra da Independencia.  Hoxe poñen o cabo ao hino dos USA. Segue a pendurar a bandeira USA  das estrelas cintilantes  sobre a terra das persoas  libres e sobre dos fogares das persoas afoutadas?  O presidente Trump,  neto de inmigrantes alemáns, esqueceu as orixes comúns da grande maioría da poboación americana para  definir nestes cinco anos unha mensaxe supremacista:  racista e sexista, para construir  unha minoría social potente e hexemonizante, como as que monopolizaron políticamente a Alemania nazi entre 1933 e 1945 ou a Italia fascista entre 1922 e 1945. 

Nas eleccións deste novembro de 2020, Trump quitou 74 millóns de votos fronte aos 78 de Biden. Foi, xa que logo,  o segundo candidato presidencial máis votado da historia política dos USA. Hai só dous meses esta axenda criminal e fascista amosaba ter o apoio dunha parte importante da cidadanía USA. Desenvolveron baixo as ordes de Trump unha teimuda guerra legal que chegou até o pasado 6 de xaneiro, cando as dúas Cámaras Federais ratificaron a elección presidencial de Biden. Mais Trump fracasou nos seus tentamentos de mesturar ferramentas xudiciais, parlamentarias e abertamente golpistas para impedir a proclamación presidencial de Biden. E, mentres, contribiuiu a que o seu partido republicano perdera a maioría no Senado, ao liscar por incomparecencia a respecto dos seus dous candidatos polo estado de Georgia. Incríbel... O  grande estado da Coca-Cola, a CNN, as Olimpiadas de 1996,  B-52 e  REM, de sempre conservador, garantindo un amplo ciclo progresista. Trump non soubo administrar a súa potentísima forza electoral e política. Porque teimou en tentar resolver os seus problemas baixo a fórmula de aquí e agora. Moi probábelmente porque coñece moitos dados que sabe lle impedirán tentar volver á candidatura presidencial ou a calquer labor político. Velaí como segueu camiñar  o ronsel de Hitler e Mussolini... despois miña ha vir o caos. Trump deixa un partido republicano desfeito, tamén o amplo sector que defende prantexamentos supremacistas e antidemocráticos. Mais este sector, avaliábel en termos de entre 25 e 35 millóns de americanos seguerá a existir o 20-X, cando asuma a presidencia Biden  e mesmo despois.  Sen dúbida, o afundimento de Trump será un grande fracaso para eles. Mais, se a sociedade civil, os medios de comunicación e os sectores políticos demócratas non reaxen, axiña han atopar outro líder que poderá chegar facer invisíbel,  no medio do fume dos milleiros de lumes, a bandeira das estrelas cintilantes. 

Aprendermos do de Trump