UN BO CAMIÑO QUE SEGUIR

Ni concurso eólico nin alta velocidade nin aeroportos, o gran beneficio desta lexislatura popular na comunidade será a desaparición, cando menos, dun concello. Esta é unha grande ocasión para levar a Galicia á modernidade e sacala definitivamente do século XIX e dos principios territoriais marcados pola Constitución de 1812. O PPdeG ten na man o acabar coas divisións locais que se foron ideando en despachos madrileños durante cen anos e que dividían o espazo galaico en xornadas a cabalo.

Ten que ser o partido de Feijóo quen teña o valor de facelo, pola razón obvia de que posúe á maioría dos alcaldes e case todos pegados un ao lado doutro. Así que a fusión de concellos non debería ser un asunto de difícil solución que se prolongase máis alá da sobremesa dun cocido e non ten que supor unha perda de poder político para os populares: os votos serán os mesmos, a non ser que os vázquez saquen de máquina de botar contas e cheguen á conclusión de que o PPdeG perdeu un concello.

Este, o de reducir o elevado número de concellos, é un camiño ou corredoira que convén seguir co obxectivo de pór fin tamén ás deputacións. Agora habería que pensar o por qué se crearon os municipios de A Illa ou o de Burela, tan aplaudidos e impulsados polos populares da época.

Os políticos galaicos sempre tiran do argumento da dispersión poboacional para reclamar euros en Madrid, pero esa atomización dos naturais asentados en aldeas incomunicadas é utilizada na comunidade como canteira de votos para gañar este ou aquel concello.

Son numerosos os casos de seres humanos que dormen baixo o mando dun alcalde popular, comen no dominio dun rexedor socialista e pagan o lixo nun territorio comandado polos nacionalistas. Unha proba da disparatada división local.

Houbo alcaldes que se dedicaron a impulsar o falso orgullo entre os seus empadroados de ser de aquí ou de alí e considerarse mellores por ter esta ou aquela infraestrutura da cal carecían os seus veciños, daquelas falacias chegaron estes desastres e a actual administración local e autonómica tan sobredimensionada. Recordemos que dunha universidade pasouse a sete, unha por cada gran cidade, pero con tres reitores e toda a súa parafernalia de vicerreitores para apuntarse como logro o lanzamento dun satélite e deixar nun breve apuntamento outros avances científicos.

Menos concellos traerán máis ingresos e do seu bo reparto e xestión sairá un mellor beneficio para os veciños. Simplemente o aforro en sinalizacións de “sae vostede de” e “entra vostede en” suporá un aforro importante, aínda que as empresas de sinaléctica padezan unha crise momentánea, ao igual que os escultores anónimos a soldo que deixan a súa impronta en pedra en paseos e recantos das parroquias.

UN BO CAMIÑO QUE SEGUIR

Te puede interesar