A CABALGATA

Noutrora, en tempo do estío, cando as noticias na prensa non eran abondosas, nos xornais aparecían novas que se miraran  por onde se miraran non tiñan maior interese. Todo mundo as coñecía co cualificativo de serpes do verán. Pois ben, semella que volvemos ás andadas, pero xa non importa a tempada: lanzamos campás á voadura repenicadas dende determinados campanarios co gallo de distraer ao persoal ou quen sabe si para arrimar a ascua á sardiña do campaneiro. Algunhas soaron a arrebato co asunto ese , eu creo que trivial, da cabalgata dos reis en Madrid. Se ve que non hai cousas neste país máis importantes das que tratar que se preocupar da indumentaria ou sexo das súas divinas maxestades. E de súpeto ata aparecen condicionantes políticos que, segundo algúns, influíron nos estilistas e claro, a culpa de todo é da díscola e malévola alcaldesa Manuela Carmena que non sabe o que facer para rachar coas tradicións milenarias e amagarlle a festa aos pequerrechos que, dito sexa de paso, están moi preocupados polas tradicións milenarias. Isto das cabalgatas non é máis cunha representación, e como no teatro poden ter diversas adaptacións que gustarán máis ou menos. Non hai nada na historia, nin moito menos nos libros sagrados, que nos diga como ían vestidos aqueles reis que nin tan sequera eran reis. A indumentaria do armiño, xoias, coroas de ouro e séquito suntuoso puxémola nós, e digo eu que tampouco será un pecado imperdoable que vaiamos facendo algún cambio ao paso do tempo modernizando algunha tradición. Cando o descubrimento de América houbo unha proposta de engadir un rei máis á caravana que ao final non prosperou, caravana que, segundo din, se iniciou por primeira vez en Italia por cuestións estritamente comerciais( a que lles soa iso) xa que por alí pasaban as outras dos tratantes de especias. Co paso do tempo aos reis saíronlle competidores porque o colonialismo cultural que exercen os países poderosos sobre os menos puxantes propician certas imposicións marcadas tamén pola chamada globalización. Así aparece Papa Nöel ou Santa Claus que coa súa zorra cargada de xoguetes lle fai a competencia aos reis. E os nenos ( de cinco anos para abaixo,claro) tan felices. Aquí temos ao chamado Apalpador que é merecente dun estudo psicolóxico pormenorizado que eu, evidentemente, non vou facer aquí. Un home vello que vive só nos bosques dos montes da nosa terra, que unha vez ao ano baixa ata as vilas e aldeas, métese nas casas e dedicase a palpar as barrigas dos nenos e das nenas que están durmidos, éche cousa de deixarse ver. Pero tamén trae xoguetes, e os nenos e nenas tan felices. Somos os adultos os que nos empeñamos en darlle voltas a estas cousas sen pensar demasiado nos pequenos. Os reis de agora xa non son como os de noutrora, e no tempo das viaxes espaciais, tablets, teléfonos móbiles e máquinas cibernéticas que xa manexan os pequeniños, quizais non ten moito sentido unha caravana parsimoniosa de camelos comandada por tres anciáns por moita maxia que lle poñan. A nostalxia é nosa, non dos nosos fillos e netos. Seguramente os meniños estarían tan felices se os xoguetes chegaran, seguindo a estela do cometa Halley, nunha nave espacial comandada por Han Solo acompañado por Chewbacca e R2D2. Se efectivamente o importante é a felicidade dos nenos e nenas, que importancia ten se os reis van con capas de raso e armiño ou con deseños de Ruíz de la Prada? Digo eu. 

A CABALGATA

Te puede interesar