GRAZAS, GALLARDÓN

O ministro de Xustiza, o gallardo Gallardón vén de ameazarnos coa nova lei de aborto. E as mulleres alentamos ao fin coa súa declaración de que se nos considerará  víctimas e non culpabeis do aborto. Claréxanos que por primeira vez na historia, as mulleres non seremos obxecto de reproche legal. Miro por se estamos xa no día dos santos inocentes e non me decatara. Pero non, vai en serio!. Que ledicia ver que ao fin, grazas a estes crentes da dereita decimonónica imos ser todas inmaculadas, sen pinga de culpa ao fin! Pode que ata eliminen a versión da Caída de Adán por culpa da Eva mazá e serpe, da Eva sabia ou meiga do paraíso. Pode que as mulleres xa non sexamos culpabeis da morte da humanidade e de todas as dores do mundo polo pecado do pracer e da desobediencia civil naquel primeiro Paraíso no que xa tiñan privatizado non só o souto e a árbore prohibida senón tamén o servizo de bombeiros do anxo de lume e a súa espada flamíxera.
Tampouco seremos as incitadoras, as engaioladoras das lendas cristianizadas. Agora todas seremos víctimas. Grazas señor por nos permitir agatuñar un banzo na dobre moral misóxina da túa fe! Que ledicia elevarnos á categoría de víctimas. Que progreso pasar de ser Eva a ser Lucía, a santa mártir que se sacrificou dándolle aos pobres a súa riqueza e desobedecendo ás leis do patriarca e por iso perdeu a cabeza un 13 de decembro do ano 304. Claro que antes perdeu os ollos e foi espichada no pescozo polo seu ben. Lucía, o sol feminino, o poder dador na sombra do sosticio, patroa dos cegos e dos meniños doentes.  
E o silenzo das mulleres? A ninguén lle enxorda este silenzo estarrecedor de media humanidade? E se os homes preñaran? E se os homes foran privados do dereito a ser donos do seu corpo e do dereito a decidir se traer outra vida a este mundo de martiroloxio? Ai, o gallardo Gallardón, con esa prestancia, ese porte de pisamainiño, ese grao eminente de perfección no asoballamento das mulleres e dos pobres! Esa mudanza da xustiza en caridade, da xenerosidade en mercabarato, da educación en adoutrinamento, do traballo en escravitude...! Grazas, Gallardón, por elevarnos á nunca ben pagada categoría de Víctimas! E como di Feijóo e a súa política de natalidade: Mariña aínda non o sabe, pero fará feliz a moita xente! Ao fin, as víctimas sempre nacimos para facer felices aos outros, nonsi?

GRAZAS, GALLARDÓN

Te puede interesar