Pendentes dun fío

Pasan os anos. Cambian gobernos e leis. E que, se os currantes estamos sempre pendentes dun fío. Que pasará mañá. Poderán os nosos fillos durmir ó quente, comer, estudiar, ter un empleo con un salario digno, un retiro para cando vellos?
Coma onte, os que mandan –que mandar manda calquera neste país de pandeiretas– coa tralla en alto a espremernos mentres o corpo terme. 
Que confiemos neles, din. Que van sacar o país adiante. “España va bien”, dende Madrid o gran xefe.  Anque, sen decatárense, meten a pata e as poutas no que é de todos. Corruptela por acó e por aló. Non hai diñeiro! Onde andará! Canalla crise! Desfalcárono os que gobernaron onte! Moitos Alí Babá e moitas covas para tanto roubado. 
Eles, elas, gobernantes que deciden por nós para ben deles. Que no fondo falan un dialecto no que se entenden. Unha especie de barallete ou chinés de interior, anque teléfonos e videos acaben delatándoos. Pero aquí no pasa na!
Poida, pensen que somos clase inferior. Que xa estamos acostumados. Que somos de pouca comida. Egoístas, din, porque pedimos traballo e salario dignos. E un retiro decente para rematar tranquilamente o resto da nosa vida, tantas veces escravizados. 
Aquí, alá e noutro lado, as persoas que mantemos ós que gobernan –eses que pretenden ser os amos– penso eu, non seremos algo culpables da mala administración deses enxenios pensantes elexidos por nós, non para chupar do frasco. 
Para cando suorentos dirixentes, polo ben común, polo progreso do país nos entenderemos falando unha lingua intelixible, razonando, acordando. Remando na mesma dirección. Levando a nave España cara ó peirao do progreso, non como hoxe que navega a ceacú. 
“Se acabó la crisis, din don Mariano Rajoy y sus mariachis, sen rematar a frase…para nosotros”. Certo, para os que nunca a viviron, e para aqueles que a programaron, ou para aqueloutros, que aproveitaron que pasaba por onde eles, fixéronse de ouro.
“España va bien”. Para quen? Para a clase traballadora, non, señor director e señores da orquestra. 
Vai moi ben para os explotadores e corruptos, banqueiros, directivos e altos executivos de multinacionais, empresas públicas e privadas, para moitos políticos e, para todos aqueles e aquelas que din que vai ben. Sen dúbida, vai.
Paro, precariedade, desilusión. Catro millóns de parados ou máis, según quen informe, dos que aproximadamente o 50% non teñen axuda algunha. 
Os pensionistas, ano tras ano perdendo valor adquisitivo. Traballadores mal pagados, pobres, moitos malvivindo no “umbral” da pobreza. 
As estatísticas reflexan que aproximadamente medio millón de dependientes non teñen axuda e os que a teñen, moi por debaixo de fai uns anos. 
A desigualdade entre pobres e ricos avanza a pasos de xigante. Milleiros de persoas viven con medo, atadas a un sistema político-laboral no que nin lles dá marxe de pensamento para decidir sobre mañá, mercar vivenda, ter unha familia con varios fillos, mercar coche; xa non digamos viaxar, ir de vacacións, cenar fóra, ou tirarse unha cana ó aire o día do patrón. 
Namentres os culpables de tanta desfeita, de tantos atracos ó tesouro público, acampan libres ás súas anchas ríndose do goberno e de todo o pobo. 
Mágoa, xa que de non haber tantos corruptos,  tamén para as persoas que aquí vivimos e traballamos ou xa xubilados, España podía ser un país maravilloso. Non só para os turistas. 
Aclárenos señor Rajoy, en onde rematou a crise para a xente traballadora. Non será na comarca de Ferrol?
 

Pendentes dun fío

Te puede interesar