O profesor Carlos Seco Serrano. In memoriam

uero cumprir coa obriga de facerlle unha lembranza a don Carlos Seco que faleceu, con 96 anos, vítima desta pandemia do Covid-19, en Madrid.  Foi unha nova que espallaron os xornais a nivel nacional destacando este catedrático como autor dunha ampla bibliografía de Historia e membro da Real Academia da Historia. Esta nosa amizade parte do día en que cumprimos a promesa de Rosa Cal, cando me dixo: “heiche presentar ao Profesor”. Sempre lle chamou así, incluso cando eran colegas de departamento da Historia de Ciencias de Información.  
Aparte da súa acollida interesante, a min o que me interesaba era aproveitarme da súa sapiencia da historia es obre todo, da súa experiencia persoal como fillo dunha vítima do golpe franquista e por  outra parte, como testemuña dun cristián crente e practicante no tempo da Igrexa da Santa Cruzada e posterior nacional catolicismo, por outra arte, admirador do Concilio Vaticano II. Don Carlos foi debullando a súa vida que lle fun lurpiando cada vez que nos xuntábamos. Seguiu con gusto o noso consello de escribir as súas memorias. Foinos lendo a súa lembranza de rapaz en Melilla. Xa levaba un caderno case cheo non sabemos se seguiu e que será del. 
Fillo de Edmundo Seco Sánchez, militar coronel do exército en Melilla. Contábanos don Carlos con moita fachenda a fama de seu pai na Villa Sanjurjo no protectorado de Marrocos, ano 1928, como interventor Municipal cuxos habitantes recoñeceron que grande parte do progreso e da vida de aquela vila a el se lle debía. Alí foi tamén onde quedou orfo de súa nai. Mais aínda contaba con emoción e admiración no Alzamento militar, porque seu pai se mantivese fiel á República que el xurara servila e incluso dar a vida para defendela. E abofé así o fixo, foi xulgado en Consello de Guerra e condenado a morte. Levoulle a comida todos os días á cadea até o derradeiro no que tivo que volver con ela, porque lle dixeron que xa non lle facía falla. Tiña moi presente as súas calamidades da orfandade con outras dúas irmás e un irmán, o grande esforzo nos estudos da universidade adicado á Historia, como el dicía: “estudei en Madrid e desenrolei en Barcelona”, onde recibiu aprecios pola súa sintonía con Catalunya “frente a las estúpidas campañas anticatalanistas, que ser catalán puede ser una razón decisiva para profesar un españolismo auténtico”, para daquela era dabondo.
Hai historiadores que enrolan don Carlos, como autor vinculado a Melilla, no bando denominado “nacional”. Ora ben, a súa postura tocante ao Alzamento militar é de clara condena; tennos dito que cando, como membro da Real Academia da Historia, en recepcións oficiais de Franco, tivera que darlle man  por motivos protocolarios, sempre lla retiraba, “nunca lle din a man ao asasino de meu pai”. Si, é certo que a súa análise, que lembraba de rapaz en Melilla, coa vitoria da Fronte Popular no 1936 e de antes, xulgaba moi negativos actos da República, seguindo a outros prebostes dese tempo: “No es eso, no es eso”. Tamén é certo que Don Carlos citaba as algaradas contra da Igrexa e dos militares; a queima da igrexa do Sdo. Corazón, que, por certo, segundo vox populi, nin foi queima nin foi a esquerda, foi a dereita quen lle pagou a un borracho e este prendeu gasolina na porta e só quedou chamuscada. Tamén  obviou criminalidade após o Golpe que en Melilla, como en outros moitos sitios, reinou o imperio do crime covarde e sanguinario. Un exemplo paradigmático foi o do ex sacerdote, Diego Jaén Botella, compromisario do PSOE, salvaxemente  torturado e exhibido  nunha gaiola no parque Hernández do centro da cidade. Após condenado a morte. “Unha auténtica salvaxada” -reafirmou Don Carlos-. 
Sempre se manifestou liberal, no senso prístino da palabra, é dicir, defensa da liberdade, da xustiza, da dignidade do ser humano. Lembro os seus estudos sobre as intromisións militaristas nos gobernos de España. Gustáballe a sinceridade do pobo sinxelo como o de Llordés Badía autor do libro Al dejar el fusil prologado polo Profesor, onde podemos ler: “La otra España [...] la posición mayoritaria, la masa del pueblo que no quiso la guerra, que apenas la entendió y que se vio envuelta en ella”.
A súa actitude con relación á “Santa Cruzada”, ao nacional-catolicismo, ao concordato coa Santa Sé de 1953,  foi certamente crítico. Á morte de Franco viviu con moita ilusión a transición. Lembrámoslle aquel famoso artigo en El País (06/12/1996) “El cardenal da la transición española”. Falounos varias veces de aquela manifestación presidida polo cura integrista, “inefable padre Venancio Marcos”  coa pancarta “inconcebible : “Tarancón al paredón”. Lembraba perfectamente o que escribira no mesmo diario, e engadiu o contido da carta que conservaba do mesmo cura: “Si vuelve a España La Pasionaria, no dude, profesor, que volveremos a hacer la guerra civil”. Emporiso, era un grande admirador do cardeal Tarancón “desde su sincerísima posición de cristiano y sacerdote, un abanderado de la reconciliación entre los españoles; de la necesidad de poner fin a la guerra civil”. Desgraciadamente os cardeais sucesores, Suquía, Rouco, etc.  No levaron o mesmo camiño de promover a reconciliación entre os españois, do que cantas veces eu teño pedido!. 
- Por que -pregunteille- non seguiu escribindo no xornal en El País?
- Non me publicaron un artigo crítico a Felipe González, con relación ás corrupcións do irmán de Alfonso Guerra.  
Con admiración remato esta lembranza de este sabio profesor e historiador, temperado no seu xuízo, seguro na análise da historia ben documentada, aínda que non gustaran a todos as súas conclusións.

O profesor Carlos Seco Serrano. In memoriam

Te puede interesar