Nacionalismo e eleccións europeas

Coido que para calquera que se sinta nacionalista galego, a opción lóxica para os procesos electorais é presentar candidaturas propias. Mais, tendo en consideración que nas eleccións europeas o número de votos necesarios é moi alto, e que se trata dunha circunscrición de rango estatal, a única saída que teñen os partidos galeguistas é procurar alianzas con outras forzas de idéntica matriz en nacións con dependencias semellantes. Neste aspecto, a postura do BNG e CxG parece coherente, non así a de Anova. Sen por iso pretender dar ou quitar carné de nacionalistas a todas estas forzas políticas, xa que a súa militancia así se define, será a súa praxe a que marca a liña política, para alén das teorizacións.
Sen dúbida o BNG non tivo doado levar á práctica a súa proposta de formar parte dunha candidatura de todo o nacionalismo galego e que abranguese as tres nacionalidades históricas (Galiza, Euskadi e Cataluña), xa que os partidos cataláns están nunha dinámica marcada pola referendo de autodeterminación.
Mais a decisión moi ampla da militancia primeiro, e dos organismos de dirección posteriormente, de realizar unha candidatura conxunta con Bildu é a mellor das opcións posíbeis.
Primeiro, porque a dinámica no País Vasco, neste intre histórico (rematada a situación de violencia política) ten máis en común coa que vivimos na Galiza, no relativo aos pasos a dar para avanzar na conquista da soberanía nacional pola vía política.
Segundo, porque hai moito achegamento nun aspecto esencial, como é a caracterización do que significa a Unión Europea para as clases populares e a cuestión nacional.
Durante estes anos a presenza do BNG nas institucións europeas, aínda que cativa en número, foi fundamental e eficaz para que Galiza existise como realidade nacional diferenciada, deixar en evidencia os problemas sociais e económicos que enfrontamos, e que sumase máis un voto a prol da xustiza social.
É importante que se manteña esa voz, e que se faga máis forte, mesmo sabendo que esta é a Unión Europea do capital, que teñen máis valor os lobbys empresariais que o voto popular. Non axuda a cambiar abandonar espazos de opinión e debate.

 

Nacionalismo e eleccións europeas

Te puede interesar