O EFÉMERO DA LIBERDADE

Días atrás, o ex-chanceler alemán Helmut Schmidt manifestaba, con respecto á situación actual que padece Ucraína, que se estaba xerando un clima semellante ao vivido antes do estalido da I Guerra Mundial. O detonante do conflito, en aparencia polo menos, sería que a Ucraína non rusófila quere un achegamento e até unha integración na UE, mentres que a Ucraína rusófila, e rusófona tamén (Crimea e as zonas máis ao seu leste), o que quere é un achegamento a Rusia. Estamos a falar, claro, en termos de xeoestratexia –sen banalizarmos o conflito armado e as vítimas que se están a producir–, e de dous titáns, a UE e a Grande Rusia, que miden as súas forzas e a capacidade de influencia sobre determinados territorios.
Non moito tempo atrás, o terríbel conflito bélico na antiga Iugoslavia xa medía nun certo sentido isto observado. A unión cordial dos distintos territorios, tras a II Guerra Mundial, acabou logo da brutal crise que deu lugar á guerra dos Balcáns (1991-2001).
A independencia das ex-repúblicas só foi posíbel após un enormísimo sufrimento, matanzas fraticidas e até xenocidios –léase a novela “A ponte sobre o Drina” do Nobel Ivo Andrić para entender algo da historia destes pobos–.
Josip Broz “Tito” resumía así o puzzle que significaba a súa Iugoslavia naquel momento: “Seis repúblicas, cinco etnias, catro linguas, tres relixións, dous alfabetos e un Partido”. O actual Kosovo, independente desde 2008, non é recoñecido por Servia nin por algúns outros estados, tamén da UE, como España.
As democracias imperfectas existen. E existen, dito de maneira sintética, desde o momento en que o executivo controla os outros dous poderes, o lexislativo e o xudicial, de forma que a independencia entre os tres poderes, básicos e inherentes ao sentido da democracia, non se produce. Deste modo, as formas autoritarias de Putin, sempre a favor das oligarquías económicas e en contra das liberdades básicas de expresión, así como a persecución da homosexualidade, etc., ou as poucas garantías legais que en Ucraína deron con Y. Timoshenko, a súa primeira ministra, no cárcere, tras liderar a Revolución Laranxa, poñen en cuestión determinados sistemas presuntamente democráticos.
Ora que menos lonxe aínda, aquí mesmo, non hai moito comparecía o fiscal xeral do Estado no Congreso para falar acerca da intervención da xustiza nos casos de corrupción, dicindo o seguinte: “las causas más complejas no las instruye ni el juez ni el fiscal, sino que llegan precocinadas por la policía y la Agencia Tributaria”. Elocuente declaración lamentándose sobre a falta de medios legais, materiais e persoais na loita contra a corrupción. Esclarecedor, non lles parece?
Dun tempo a esta parte, son notorios os indicios que se están a dar con relación á perda de calidade democrática no Estado español. Ás reformas estabelecidas polo ministerio de Ruiz Gallardón como a omisión do concepto de xustiza universal (por presión de países como a China), as abusivas taxas xudiciais, a penalización do aborto (que nos conduce ao furgón de cola da UE), a persecución da liberdade de expresión e de manifestación, etc. talvez poidamos sumar a partir de agora unha futura penalización contra as redes sociais.
 E isto a teor do crime da presidenta da Deputación de León, o cal ten xerado reaccións certamente execrábeis a través das citadas redes, pero tamén a través de pintadas e outros. Con todo, non alcanzamos a saber até que punto todo poida ser puníbel. O rexeitamento social de certo tipo de condutas ou declaracións, que ten que ver coas regras básicas de respecto, decoro, etc. cremos non debera ser confundido coa sanción penal, pois a xudialización de todo pode chegar a ser tremendamente perigoso.
A ninguén lle pode pasar desapercibida a inxustiza social, cada vez máis acentuada a raíz da brutal crise económica actual, que está levando ao paro, ao desafiuzamento, á pobreza, á desnutrición, á emigración, ao suicidio... a centenares de persoas ás que non lles resta outra cousa máis que a protesta. Protesta que, nas diversas modalidades de mobilización ou de liberdade de expresión, o actual goberno tenta aplacar de forma maximalista por vía policial e xudicial.
Así pois, chámense escraches ou proclamas na internet, dita persecución discrecional o que busca é desactivar a participación cidadá en temas cruciais da actualidade por seren molestos. Mais non se confunda a verdadeira apoloxía ou a incitación ao odio co instante momentáneo de furia que se poida dar, quer nas redes sociais, quer na rúa, quer nun campo de fútbol.
A liberdade de expresión, un dos bens máis prezados que temos, corre sumo perigo: o de que se nos coarte. En resumidas contas, comprendamos a indignación que existe na nosa sociedade e corrixamos os erros que nos poidan conducir ao que Helmut Schmidt manifestaba; porque nin queiramos pensar, en fin, nun descontento civil xeneralizado que puidese desembocar nun enfrontamento máis doméstico.

O EFÉMERO DA LIBERDADE

Te puede interesar