MULTA DE 4.320 EUROS

|

En xeral as persoas que levamos o afán da dignidade humana, sempre nos inclinamos máis polo reo, polo que sofre a sentencia, que pola autoridade xudicial, que non ten máis remedio que impor a resolución aplicando a lei, salvo claro está en casos de criminalidade. Mais hoxe non só somos solidarios con Rita Maestre  por ser sentenciada cunha multa de 4.320 euros, senon por non estar de acordo coa devandita sentencia.  Explícome. Que me perdoen o xuíz, o crego e o bispo de Madrid. Dígolle ao primeiro, coa reserva antes de nada indispensabel nestes casos, “sempre co máximo respecto ás sentenzas xudiciais”, non lle parece desaxustada a imposición da multa de 4.320 euros por facer unha xusta protesta? E a liberdade de expresión que ten que haber en toda democracia, onde vai, sr. xuíz? Nestes tempos!. Non é igual ca min, que me meteron unha multa de 100.000 das antigas pesetas por unha homilía na que protestaba por teren na cadea a sindicalistas defensores dos traballadores, mais daquela non había liberdade de expresión, de sindicatos nin de homilía, polo que se viu. Dígolle ao crego que foi dar testemuña, como se non houbera outra cousa que facer, con tan poucos cregos que hai agora, contra a protesta dunha rapaza que non facía mal a ninguén, ben ao contrario, deberíallo agradecer e baixar a cabeza dándolle a razón por denunciar o nacional-catolicismo que tanto dano fixo a esta Igrexa española tan corrompida polo franquismo.
E ao sr. bispo con todo o respecto tamén lle digo: Monseñor, non lle perdoe á valente rapaza que non cometeu pecado, ben ao contrario tiña que darlle a beizón, porque ese feito axúdanos a irmos clarificando que a Universidade non ten porque ter capelas. Aínda lembro na “longa noite de pedra” aquela protesta na Universidade; un día naquelas loitas estudantís, dunha aula ceibaron un crucifixo á rúa. Ese feito valeunos para soltar as homilías prohibidas que louvaban a liberación do Cristo encadeado nas aulas franquistas. Pero aínda máis. Xa que estamos nun ambiente franciscano que nos trouxo o noso querido Papa Francisco, imos lembrar precisamente esta protesta de “il poverello d`Assisi”. Se quedar núa co sostén é unha “ofensa a los sentimientos religiosos”, cantos euros lle meteríamos ao noso poverello, San Francisco, por atreverse a predicar espido da cintura para arriba e só con un calzón?.  A parte de facer un acto de humildade diante dos devotos fieis que ao primeiro riron a esgalla, mais recapacitaron despois e non deixaron de louvar a humildade e comprender a denuncia e protesta contra dos fermosos capisaios con que predicaban os grandilocuentes sermóns as autoridades eclesiásticas. E xa que logo, pódese engadir: que significa a imaxe de María dándolle o peito ao seu fillo?, e cando Xesús denunciaba: “todo o que fan é para que os vexan: vestidos aparatosos, con anchas filacterias e franxas dos seus mantos”?,  e Xesús espido na cruz? Benia ti, Rita Maestre, que nos fas descubrir tantos privilexios antievanxélicos que aínda herdamos nesta Igrexa nosa que non acaba de desprenderse dunha época franquista, trasnoitada.  

MULTA DE 4.320 EUROS