NAS MANS DE QUEN ESTÁ O DIÑEIRO DO POBO?

A poder ser, que ninguén máis que vostedes entere… Buscaba hai uns días polos andéis da miña biblioteca un libro do dramaturgo alemán Bertolt Brecht (1898-1956), para preparar un traballo sobre o mundo dos desplazados e dos marxinados do que o autor escribira tanto.
Como son un desordenado incorrexible non tiña idea onde estaría aquel libro que sabía tiña por algures, xa que era un dos moitos que me enviara o querido amigo Suso Fraga dende Barcelona, tamén alumno do mestre e segrel don XoséMaría Pérez Parallé, aquel gran home que nos inculcara o amor polos libros e pola literatura. 
Cal sería a miña sorpresa que ó buscar o libro que precisaba ata atopalo, entre libro e libro, un sobre azul con billetes de 500 euros. Parei de remover neles ó encontrar “Poemas y canciones”, o que precisaba de Brecht, traducido ó castellano por Vicente Romano en versión de López Pacheco, editado por Alianza Editorial na súa primeira edición de 1968. 
Mais, sorpresa. Concretamente na páxina 15, saíndo uns cinco milímetros fóra un billete de 500€ marcaba o poema “Contra la seducción”, cuxo primeiro verso di: No os dejéis seducir: / no hay retorno alguno. / El día está a las puertas, / hay ya viento nocturno: / No vendrá otra mañana. 
Pechei o libro. Alí quedou o billete marcapáxinas. O corazón comezoume a tremer, fatigado con latexos acelerados coma se acabara de correr nunha marathón. Non me atrevín, nin me interesou mirar máis. A cor púrpura non me gusta e o diñeiro non me chama. Tanto máis se non é meu. 
Non sei quen puido deixar tanto “parné” na miña casa. Non tiven carpinteiros nin fontaneiros millonarios facendo reformas como lle pasou ó sogro de Francisco Granados, un dos que fora man dereita de Esperanza Aguirre. Un dos tantos que lle saiu ra. E será que os encanta?
Estou preocupado. Non sei que facer con tantos cartos, máis, sendo billetes grandes difíciles de cambiar, pero moito máis preocupado estou con tantos corruptos, canallas, avariciosos, inmensas restras de aforados chourizos saqueadores do público, namentres, coma sempre, don Mariano agardando que caia da árbore a froita madura, anque desta vez xa non caerá, a non ser podre.
Nin que dicir ten – a estas alturas os votantes non somos parvos – os dirixentes políticos, incluso en función confunden goberno con partido e diñeiro público con diñeiro de seu. Coido se pensarán – se é que pensan – que aínda estamos na era medieval e que o pobo somos os seus vasalos. 
Noxo, tristeza e ó mesmo tempo vergonza allea me producen tantos privilexios, inxustizas, abusos de poder, fraude institucional e desprezo ó pobo que os votou para ben gobernar, non para roubar das arcas do Estado. E que non haxa quen pida desculpas!!
Coa dignidade dos cidadáns e co diñeiro dos contribuíntes non se xoga. Certo que o de vivir coma un rei é tentador, pero os vicios acaban creando malas costumes e ceder a elas – luxos, banquetes, pomposas festas que tantas veces confundimos con virtudes, máximo se estén de moda – e moi duro para o corpo, incluso para o peto, podendo ata custar un ollo da cara. Claro que se os ollos non son os propios, que vivan os vicios. 
Agora xa non se conforman cun bolso de Vuitton, unha mariscada, uns traxes de luxo ou unha cacería pagada polo conseguidor de turno. Money, money, money, como o que me colaron a min na biblioteca, en billetes grandes para mellor camuflar, a sacos cheos para poder vivir varias vidas, sen ter que deixar ningún santo vicio. 
O meu caso dos billetes púrpura –que tan pronto coñeza ó propietario devolverei– e polo que leo, vexo e escoito nos medios de comunicación, centos e centos máis ó longo e ancho deste país que o aguanta todo é un gran misterio difícil de resolver, e non por falta de datos. 
Xa nas antigas “novelas de caballería” se falaba dos pícaros que tiñan que espelir corpo e alma e ó máximo a intelixencia para poder comer algo quente. Anque agora os pillabáns transfromáronse, non por necesidade senón por vicio, en profesionais ladróns de guante branco, saqueadores, xentuza sen escrúpulo, con peito para todo. O bo é que pouco a pouco a Xustiza está indo a por eles. Aleluia!
Calculaba o meu amigo Sidre, nun cálculo no que poden xirar millóns de economías familiares (non as de banqueiros e políticos) que de non haber tantos ladróns neste bendito país, ninguén estaría hoxe nas listas do paro, salarios e pensións serían case que suficientes e estaríasmos na cabeceira dos ricos Estados. Sinceramente, confío moito máis na política familiar do Sidre que na macro de Rajoy and company…
Miña rula, máis outra vez bicarémonos no cumio do Ancos ó raer o día, e leremos poemas de Rosalía e de Manuel María, para que o Sol sinta envexa do noso amor. 
O importante, non é o que buscamos,
senón o que quixéramos atopar
cando buscamos

NAS MANS DE QUEN ESTÁ O DIÑEIRO DO POBO?

Te puede interesar