Bonifacio Borreiros Fernández. Unha merecente homenaxe en Narón

Opróximo martes, 19 de xuño, vaise a render unha merecente homenaxe a Bonifacio Borreiros en Narón, unha homenaxe que non se soubo facer en Ferrol no seu momento. Este acto está organizado pola asociación  NARART (Narón Amigos del Arte), presidida por José Ignacio Dapena, e terá lugar na Biblioteca Municipal de Narón coa presenza de Fernando González Laxe, Presidente da Xunta de Galicia entre os anos 1987 e 1990.   
Vai para doce anos que nos deixou Bonifacio Borreiros Fernández. Médico de profesión e político de vocación, naceu en Narón o ano 1953, falecendo en decembro de 2006. 
Foi deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento galego e director xeral de Cultura na Xunta de Galicia, sendo precisamente González Laxe o presidente da institución autonómica. 
Máis tarde foi concelleiro de Cultura de Ferrol, entre os anos 1999 e 2003, con Xaime Bello Costa ao fronte da Alcaldía, exercendo un labor de grande interese e sendo, na opinión deste Foro, o mellor concelleiro de Cultura que tivo a cidade de Ferrol. 
Diversos feitos salientables enmarcan o seu labor cultural no Concello de Ferrol. O primeiro foi a recuperación de mans privadas do Cristo da Tahona, unha xoia medieval da arte popular galega. Unha vez recuperado, colocou o cruceiro coa debida prestancia no patio de Centro Cultural da rúa do Hospital, ata que os seguintes concelleiros ferroláns de Cultura converteron a fermosa escultura medieval nun triste exemplo de Cristo Errante.  
O segundo deles foi á exposición pública que fixo no devandito Centro Cultural dunha das obras pictóricas máis valiosas e de maior interese de Ferrol: o cadro titulado “El Descendimiento”, obra do ano 1816 de Agustín Robles, de orixe colocada no retablo do altar da capela do antigo cemiterio de Canido. 
Hoxe a notable pintura, como tantas outras, atópase tristemente arrombada nalgún lugar do Concello. 
Como terceiro feito do seu intenso traballo cumpre salientar que Bonifacio Borreiros foi o impulsor dunha notable serie de publicacións municipais, o único intento serio na nosa cidade de facer unha colección de historia local. 
Ata un total de 18 títulos integraron a colección “Ferrol en tempo de Historia”, publicando biografías como as de Lucas Labrada, Benito Vicetto ou Francisco Suárez, temas históricos como o Desembarco Inglés de Doniños ou temas arqueolóxicos como o Xacemento de Santa Comba, obras todas elas de historiadores e investigadores ferroláns. 
Desafortunadamente, a devandita colección non tivo logo a debida continuidade. 
Particularmente cumpre salientar a axeitada e meritoria utilización que Bonifacio Borreiros fixo do Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital, abríndoo ás máis diversas mostras culturais; a axeitada posta en valor do Teatro Jofre; o seu apoio á obra dos artistas plásticos locais e ao labor das asociacións culturais e veciñais da cidade; e o seu traballo a prol da petición de Patrimonio da Humanidade para a Cidade Ilustrada, unha xestión malograda polas seguintes Corporacións Municipais. 
Ferrol ten con Bonifacio Borreiros a débeda dunha merecente homenaxe. Levar a cabo a proposta de poñer o seu nome ao Auditorio Municipal ferrolán sería a mellor lembranza dunha persoa que tanto traballou polo Patrimonio Cultural de Ferrol.

Bonifacio Borreiros Fernández. Unha merecente homenaxe en Narón

Te puede interesar