AS OPINIÓNS ENTRAN NA IGREXA

|

O que moitos cristiáns católicos agardan dende que rematou o Concilio é unha Igrexa coas portas e as fiestras abertas como proclamara Xoán XXIII. Porque as persoas chegamos a entendernos cando nos xuntamos, falamos e razoamos, logrando alcanzar acordos en común. E non parece existir outro método mellor para a convivencia humana participativa e creativa. Sen isto, está comprobado que a imposición do principio de autoridade fracasa. É necesario que os laicos superen o complexo do silencio, de estar calados na Igrexa. Dende a chegada da Modernidade, na Igrexa está pasando igual, ou de un modo parecido, ao da sociedade civil. Se na sociedade o autoritarismo vai quedando marxinado coa entrada da democracia, na Igrexa, o medo ao inferno está enfriando e a letra do catecismo perde valor por falta de crencia en verdades que non son tal. A ninguén se lle ocorrería pensar, durante os pontificados de Wojtyla e o de Ratzinger, que os simples fieis puidesen opinar libremente sobre das doutrinas e costumes na Igrexa. Porque esa facultade pertencía exclusivamente aos bispos e ao Papa. Pero, quen o diría!, do Novo Mundo chegou un Papa que pide coñecer a opinión dos fieis, sen que ninguén quede excluído. Francisco espera a resposta ás preguntas que foron enviadas dende Roma ás dioceses para que todos os que o desexen poidan opinar.  Unha enquisa, feita para coñecer a opinión dos católicos acerca do qué pensan sobre de como se está a gobernar a Igrexa, vai tamén nese camiño. Levouse a cabo en doce países, considerados católicos na súa maioría, e en cinco continentes, coa participación de 12.038 adultos. A realización estivo ao cargo de “bendixen et amandi” para Univisión, a principal cadea de TV en EEUU, e a fiabilidade está no 95%. As opinións son variadas como corresponde á evolución cultural e relixiosa de cada país. Así opinan. Anticonceptivos: o 78% están a favor e o 19% en contra. Ordenación sacerdotal das mulleres: 45% a favor, 51% en contra. Casamento dos curas: 50% a favor, 47% en contra. Casamento dos homosexuais: 30% a favor, 66% en contra. Aborto: 8% din que debe permitirse sempre, 62% en algúns casos e 30% en ningún caso. A Igrexa non é en si mesma nin ten a verdade absoluta senón que é só un camiño para a proximarse a ela con Xesús o nazareno. O mesmo papa Francisco parece que así o entende pedindo agora a opinión de todos.

AS OPINIÓNS ENTRAN NA IGREXA