Felonías?

Teño a certeza de que a primeira vez que me atopei coa palabra felón foi asociada a Fernando VII, por ser un dos adxectivos que se lle apoñen a ese rei da dinastía borbónica. E abofé que con sobradas razóns. O que xa non teño nada claro é cando, como e onde puido ter sido. Descarto que fose nas materias de historia cursadas no bacharelato no Concepción Arenal como tamén na de Historia de España do segundo dos cursos comúns de Filosofía e Letras. Recordaríao doutro xeito. Inclínome a pensar que foi de xeito escrito e máis que posiblemente nalgunha obra literaria. Haberá como corenta anos. O que si lembro ben é que, bastantes anos despois, felón era palabra que adoitaba utilizar unha exalumna coa que adoitaba tomar café na Facultade, nos anos en que andaba a facer a súa tese de doutoramento. Venme á cabeza a imaxe dalgunha das persoas ás que así cualificaba e vexo que realmente atinaba.

Como é sabido, felón é palabra tomada do francés félon, procedente do latín vulgar fello, -onis, á súa vez procedente da hipotética voz franca *fillo, ons, que significaba verdugo.

Sebastián de Covarrubias non recolle a palabra felón no seu Tesoro de la lengua castellana o española (1611), mais si felonía da que di “vocablo antiguo Castellano, vale tanto como deslealtad, traycion, alevosia, a fallendo, y assi valdra tanto como engaño calificado”.

E por aí seguiron as cousas. Así, a última edición do Diccionario de la lengua española define felonía como “Deslealtad, traición, acción fea”. E de felón di: “Que comete felonía”.

Se consultamos o Dirae, o dicionario inverso realizado polo enxeñeiro informático Gabriel Rodríguez Alberich e a Real Academia Española en 2014 observamos como a gráfica de uso no tempo -entre 1800 e 2009- da palabra felonía presenta un tremendo pico, de ascenso e descenso case vertical,  no ano 1814, posiblemente pola citada asociación do termo á figura de Fernando VII. Podemos ver tamén como o uso actual é bastante escaso, moi similar ao de 1800.

Por iso me sorprendeu escoitar ao presidente do PP chamarlle felón a Pedro Sánchez, dado que, polo que lle veño escoitando, non me parece persoa con excesiva cultura.

Podo estar equivocado. Obviamente, non fun o único sorprendido do uso do vocábulo. De feito as televisións tiráronse ás rúas para lle preguntar á xente se coñecía o seu significado. E xa vimos que non. Agora, se cadra, ata se fai viral e todo. Non serei eu quen defenda o presidente Sánchez. Mais iso non pode impedir que manifeste o meu total desacordo coa perorata, en breve, do señor Casado. Semelloume inoportuna e indigna. E dislocada, porque nas actuacións do señor Sánchez non hai felonía.

Felonías?

Te puede interesar