O periscopio da Valedora

Pola imaxe cinematográfica das películas de submarinos en guerras do pasado podemos facer do aparello óptico que por medio de lentes e prisma permite ver un obxecto que está fóra do campo visual do observador; e dicir, do periscopio, unha auténtica metáfora no informe que a Valedora do Pobo vén de entregar ao Parlamento, no que os máis de vinte milleiros de queixas e reclamacións cidadás permiten visualizar unha fotografía das deficiencias, fallos e inxustizas que se cometen cos acordos, decisións e negativas do ámbito institucional. Aínda carecendo do valor das sentenzas imperativas, limitada só ao aspecto de propostas de mellora e corrección de actuacións, este documento de traballo debe constituír unha valiosa folla de ruta na política das administracións públicas, especialmente na sanitaria. Velaí o chamado de atención que vai no informe, nada sospeitoso de conter expresións de oposición política, todo o contrario ben coidadoso nas palabras do seu redactado, que condensan a percepción da sanidade pública nunha síntese pola que se titula que “a maior parte das reclamacións céntranse na diminución de profesionais sanitarios, redución de servizos e demoras excesivas na atención”.  Indícase que “da análise do conxunto de expedientes e reivindicación que chegan a esta institución conclúese que a poboación galega percibe unha deterioración continua do sistema público de saúde, que afecta tanto á atención primaria como á especializada. Pero ademais dos usuarios, tamén os propios profesionais con frecuencia diríxense ao Valedor do Pobo reivindicando a adopción de medidas que palíen as dificultades ás que se enfrontan na prestación do servizo”. Branco, en botella, non ten dúbida. Sanidade, primeira por reclamacións.

Escaseza de profesionais, especialmente de pediatría, problemas derivados da organización sanitaria con discriminación territorial a áreas fóra das cidades centro da xestión integrada, multitude de aspectos máis e, con énfase marcado, as listas de agarda ou de espera, sospeitosas de manipulación no seu trámite de pouca claridade externa; aspecto este que alporiza á Consellería que non dubidou en facer público comunicado apelando á comparación con outros territorios para intentar xustificar algo que, no fondo, resulta incuestionábel. Actitude típica do mal pagador que busca noutros a xustificación das súas carencias e responsabilidade. Mal camiño. Na realidade do diagnóstico, a situación e moito peor da expresada na radiografía da Valedora. Perfecto caldo de cultivo para o negocio privado das multinacionais que entran a saco aquí.

O periscopio da Valedora

Te puede interesar