Hoxe vouvos falar un pouco dos tardígrados e das súas semellanzas con algúns especímenes humanos. Os tardígrados son uns vermes protóstomos, é dicir, portadores dunha boca de orixe embrionaria e como, polo xeral, tamén o é o ano, a súa cavidade dixestiva deixa de ser un saco cego para se axeitar a un tubo con entrada e saída. Están acó dende o Cámbrico, iso si, do Cámbrico recente. Tardígrado significa de paso lento ou como máis gosto eu, de vagar. Adoitan ser semiacuáticos e octópodos, como os polbos, e anque de feitío repoludo, non é doado de se ver polo seu minguado tamaño, malia ter un microscopio eletrónico. De todos xeitos, a excreción non é ben coñecida neles aínda. Disque algúns parecen depositar os refugallos na cutícula desprendéndoos cando fan a mudanza. Por iso medran sempre coa muda, ao se desprender desa cutícula externa ríspida, poidendo o facer ate media ducia de veces ao longo da súa vida. Pasan grande parte de esta deshidratados en criptobiose (estado ametabólico no que entra un organismo en condicións ambientais adversas) mais en canto reciben auga inflan e tornan activos.
A entrada deste ano 2020, entre o fin da era de piscis e o inicio da de acuario, fixo espertar do letargo critobiótico aos tardígrados das homenaxes e comemoracións. O mercado intermitente da Cultura en maiúscula nútrese e nútreos. A criptobiose sociocultural de tantas décadas esperta a todofilispín no bicentenario de Concepción Arenal e nas Letras de Carvalho Calero. Os tardópteros escomezan a bulir saíndo da sombra das hepáticas, brións e liques académico-políticos cara a luz solar directa das tribunas de ocasión.
O concello de Ferrol leva a pleno actos de tanto profundamento e deboura da egrexia obra de Arenal e Carvalho como o cambio de nome de dúas prazas, Armas e España. Coidarán que iso visibiliza ás dúas figuras anque ninguén repare nas placas dos rueiros.
Os xornais celebran, como non é para menos, que se volva a montar a estada ou andamio no Centro Municipal Cultural Carvalho Calero que leva enchoupado entre as eras de piscis e acuario case desde o equinoccio no que se construiu. Supoño que Carvalho Calero revoltará no Alén anque non gostara moito dos fondos da súa fechada biblioteca e da liña política lingüística. Agardemos que chegue o dezasete de maio para ver se a casa natal de Carvalho na Praza Vella aguantou outra invernía en criptobiose. Agardemos asimesmo que o centro de ensino medio de Caranza que leva o seu nome arrisque a mudar a grafía que luce achegándose ao mundo da lusofonía no nome e na oferta de portugués como lingua optativa para estrear a lei Paz Andrade, agora que incluso o presidente Feijóo vai chamar ás portas de Lisboa –como outrora fixo Colombo para facer as Américas–, malia como español e co decreto de plurilingüismo baixo o brazo.
Como os tardígrados presentan simetría bilateral e a súa cefalización permítelles desenvolver actividades complexas, poden comemorar a un tempo o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal. Os actos comemorativos mantéñense no hermetismo. Mais todo fai aventurar que ficará en actos tan pantagruélicos como superficiais. Capaces son de lle repoñer o nome á rúa do Hospital ou ao Centro Torrente Ballester após terllo tirado, mentres outros falan de seguir facendo estatuas.
Triste que ninguén propoña debates públicos serios da súa obra, abertos e divulgativos, contrastados coa política social e lingüística actual. Esperemos que o fagan cadansúa, a Fundaçom Artábria e a Fundación Concepción Arenal, salvando as distancias.
A saída do livro de Anna Caballé desmentindo tópicos sobre Arenal e a reedición de obras de Carvalho Calero así como as exposicións dannos azos. Mais a rigorosidade científica esixe situar aos persoeiros no contexto histórico así como exercer a crítica fundamentada. Por moito que louvemos a obra social e o pensamento de Arenal non podemos situala, como fai Emiliana Vicente, a presidenta do Consello Xeral do Traballo Social, á altura de Marx e Engels porque iso sería como elevar ao naturalista López Seoane á altura de Charles Darwin. Con todos os recoñecementos á visitadora de cárceres, Arenal non pasou dun humanismo reformista, de máis valía polos atrancos dunha política penitenciaria ultracatólica. Como tampouco podemos elevala á altura de Clara Zetkin ou de Rosa Luxemburg, revolucionarias marxistas. Non imos crear un arenalismo porque exista un luxemburguismo. En todo caso Rosalía (a escritora, non a cantante) sobrevive no social e no feminismo dun xeito universal.
Sería ben que o vindeiro 8M, alén dos actos reivindicativos e performativos nas rúas abramos debates conceptuais serios sobre o Feminismo aproveitando o bicentenario da autora de La mujer del porvenir, visibilizando ese porvenir nun hoxe e analizando as catro ondas do feminismo, dende a luita polos dereitos políticos das sufraxistas e a interseccionalidade das abolicionistas afroamericanas como Sojourner Truth da primeira onda feminista ate a cuarta onda do pensamento queer, o anticapitalismo ou as alternativas do ecofeminismo que inclúen novas formas de relacionamento nas comunidades humanas e cos ecosistemas.
Acaso non podemos comparar o conflicto actual entre feministas e unha grande parte do orgullo gai pro ventres de aluguer co conflicto entre o movimento negro abolicionista e as feministas brancas, cando muitas delas defendían os dereitos das mulleres brancas ao tempo que participavan no Ku Kux Klan? Exemplos de non contemplar a luita de clases, o racismo ou a xenofobia. Hoxe temos a Vox nos parlamentos e cabezas de lista mulleres para enganar a quen non coñece a historia das luitas e das ideias que terman delas.
A tecnoloxía, que fai nacer ás novas roladas no ciberespazo, non vai garantir por si mesma os dereitos e liberdades. Tampouco vai aprendernos a disterar entre diferentes feminismos. Sobor de todo mentres non entendamos que o feminismo non pode excluir a luita de clases e viceversa. Pois a diversidade non sempre fai diferenza. Para o caso, os tardígrados que a miúdo confunden o feminismo das portadoras de tronos nas confrarías e os desfiles de nenas con capirotes coa luita polos dereitos da muller. Con cefalización ou sen ela.