Anotación

|

estes dous últimos días fixen unha primeira e superficial lectura de Á sombra de María Silgar: Carvalho Calero contra a historia única, obra do colega e amigo Xulio Pardo de Neyra editada por Embora, á que, sen dúbida, hei volver, mesmo para comentala, cousa que hoxe non podo nin debo facer.
Mais si podo referirme a un aspecto de índole lingüística como é o que se refire ao título da primeira novela publicada polo profesor Carvalho, narración que ten lugar preferente nesta obra do doutor Pardo de Neyra. Unha das primeiras cousas –senón a primeira– que aprendimos os que algunha vez nos dedicamos á edición de textos é que a versión definitiva de calquera obra literaria é a da última edición publicada en vida do autor. Xa que logo, no caso que nos ocupa, temos que falar d’A gente da Barreira, que é o título que don Ricardo lle asignou cando a publicou por última vez, en 1982, na editorial compostelana Follas Novas: A gente da Barreira e outras histórias. Botei en falta -se cadra haina e non reparei nela- unha precisión ao respecto e esa ausencia motivou esta reflexión.

Anotación