Día das Letras Galegas. Novo esquecemento de Carballo Calero

O pasado 17 de Maio celebrouse a 55 edición do Día das Letras Galegas, o primeiro deles dedicado a Rosalía de Castro o ano 1963, cando se cumpriu o centenario da publicación de “Cantares Gallegos”. 
Nas edicións celebradas ata de agora ningún escritor/ra da Terra e Mar de Ferrol atinxiu este honorable galardón. 
Hoxe temos que lamentar o novo esquecemento do ferrolán Ricardo Carballo Calero, a pesares dos seus recoñecidos merecementos, sendo desta rolda preterido pola cacereña María Victoria Moreno, unha escritora autófona, como ela mesma se definía.
Alumno en Ferrol de Manuel Comellas, Carballo Calero foi membro da Real Academia Gallega e do Instituto Padre Sarmiento, e profesor da Universidade de Santiago, sendo o seu primeiro catedrático de Lingua e Literatura o ano 1965. 
A súa ampla obra literaria inclúe poesía, ensaio, crítica literaria, teatro e narración, colaborando en publicacións como a emblemática revista Nos.
No eido da narrativa, a súa obra “A gente da Barreira” foi a primeira novela publicada en galego despois da Guerra Civil. Máis tarde publicou “Scorpio”, onde percorre o difícil tempo histórico que lle tocou vivir. 
A súa abondosa obra poética aparece recompilada en catro volumes: “Pretérito imperfeito”, “Futuro condicional” “Cantigas de amigo” e “Reticencias”. 
A súa monumental ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea” é imprescindible para o coñecemento da literatura galega. ¿ Qué máis tería que facer Carballo Calero para obter este galardón? 
Nos anos finais da súa vida espertaron unha grande polémica as súas teorías sobre a reintegración lingüística galego-portuguesa, en colisión coa normativa oficial da lingua galega, mantendo unha postura discutible, pero lexítima. Non obstante, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, estivo sempre por riba dos polemistas dun e doutro signo.
Ante o silenzo dos políticos e intelectuais ferroláns sobre o seu esquecemento, Carballo Calero non foi quen de ser nomeado para o galardón das Letras Galegas, nin con Xosé Ramón Barreiro nin con Méndez Ferrín ao fronte da Real Academia Galega. 
Tamén Alonso Montero, por outra banda tan amigo de visitar a coñecidos persoeiros desta Cidade 
Ensimesmada, negoulle o pan e a sal ao escritor ferrolán, labor no que continúa o seu relevo Víctor Freixanes, seguindo sen explicalas razóns deste sectario esquecemento. 
Desta rolda queremos lembrar a eses caladiños seareiros ferroláns de Carballo Calero, que soamente falan de mercar as ruínas da súa casa natal e esquecen reclamar o seu Legado exiliado en Santiago. 
Neste intre cúmprense 20 anos que se depositou na biblioteca do Parlamento de Galicia o arquivo e biblioteca persoal de Ricardo Carballo: case 5000 volumes, 200 cabeceiras de revistas e un amplo arquivo gráfico, todo iso hoxe gardado fóra da súa cidade natal. 


Praza vella, mariñeira,
cada baixo unha taberna ...
(Carballo Calero)

Día das Letras Galegas. Novo esquecemento de Carballo Calero

Te puede interesar