O rol na cadea de valor e a demografía

Que as perspectivas demográficas do noso país son malas non é unha novidade, é unha tendencia que ten máis dun século consolidada, se a comparamos coa evolución do Estado español (EE). Algo que non evitou a conquista da autonomía, xa que no esencial foi unha descentralización administrativa. Non se rachou co papel subordinado da actividade produtiva, o que se reflectiu nos baixos salarios e no retroceso demográfico. Nas últimas catro décadas, dende a metade de 1980 até o mesmo mes do ano 2020, a povoación galega pasou de representar o 7,47% do Estado español ao 5,69%, é dicir 837 mil persoas menos das que nos correspondería pola evolución do EE.


Neste período non só perdemos porcentaxe de povoación, ademais as persoas nacidas na Galiza son moitas menos, que se compensan coa entrada de inmigrantes, dos que a metade viven por debaixo da liña de pobreza. Se a isto sumamos que a emigración galega, residente no Estado español como noutros países é moi inferior á existente daquela, temos que o recuar demográfico é inmenso. Ao que hai que engadir a baixa natalidade e a emigración de boa parte da mocidade máis cualificada. Esta evolución regresiva manifestase no plano económico cun investimento exterior que multiplica varias veces a entrada de capital foráneo, malia o cal moitas empresas estratéxicas pasaron a mans de corporacións non galegas. Polo tanto resulta evidente que a problemática demográfica é máis complexa do que se di, e reflicte as fortes as contradicións políticas e sociais da nación galega.


Daquela que as medidas parciais que pretenden fomentar a natalidade non o consigan. A revitalización pasa por desenvolver a economía, xerar emprego e mellorar as condicións laborais. E para iso é esencial rachar co papel subordinado, xa que isto implica centros de investigación e direccións achegadas á problemática galega. Tamén semella unha contradición, e mesmo unha utopía, fomentar planos de retorno da mocidade emigrada cando a taxa de desemprego deste segmento de idade é tan alta. Son propostas que só poden ter algún efecto sobre segmentos profesionais e situacións moi específicos.


Estas son as principais cuestións que cómpre solucionar para eliminar os atrancos á natalidade. Isto non desbota o apoio ás familias con subvencións, descontos impositivos, aceso ás garderías, etc, especialmente para aquelas con menores ingresos. Lembrando sempre que os fillos/as son unha decisión persoal, porén aportan un ben para toda a colectividade, co que iso implica respecto do investimento en todos os aspectos. 

O rol na cadea de valor e a demografía

Te puede interesar