O BNG reclama no pleno que o Concello denuncie á UE a sentenza do Supremo sobre o IBI de Navantia

O BNG reclama no pleno que o Concello denuncie á UE a sentenza do Supremo sobre o IBI de Navantia
Pleno presencial, el pasado verano. En la actualidad son telemáticos | j.m.

O pleno ordinario do mes de febreiro, este xoves, terá dez puntos na orde do día ata chegar ás mocións dos grupos municipais, que serán doce. Os primeiros dez puntos inclúen a aprobación da acta anterior, dar conta de resolucións da Alcaldía, convalidación de facturas, dar conta da execución orzamentaria e período medio de pago, unha cuestión de compatibilidade laboral, a corrección de dous erros nas bases do premio de piano, informar sobre as vítimas de violencia de xénero e aprobar a declaración institucional do 8 de Marzo e a proposta de darlle o galardón ao Servizo de Axuda no Fogar.


A partir de aí, e despois das recriminacións sobre o procedemento de levantar reparos e aprobar facturas de servizos sen contrato, entrarase no apartado das mocións que presentan os grupos municipais. Aí dase cabida a todo tipo de cuestións, tanto de xestión local como autonómica, estatal e europea; dase a palabra á veciñanza se fose o caso e éntrase a fondo no debate polític o.Tódolos grupos municipais presentaron mocións, ata chegar a doce.


Perda de 4,39 millóns

O Bloque Nacionalista Galego propón ao pleno que o Concello de Ferrol denuncie diante da Unión Europea, por infracción do dereito comunitario, a sentenza do Tribunal Supremo que libera a Navantia do pago do Imposto sobre Bens Inmobles. O seu voceiro, Iván Rivas, considera que o goberno local se deu présa “en recoñecer a suposta exención do IBI á empresa Navantia en base a unha sentenza que é moi cuestionábel”.

Cifra en 4,39 millóns de euros a perda de ingresos por esta cuestión e lembra que un xulgado ferrolán formulara a súa dúbida ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea e este contestou no seu momento a favor dos intereses municipais. Así o avalou tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Rivas cre que a sentenza do Supremo é “sorprendente” e que ignorou o ditame dun órgano xuridicamente superior.


O BNG tamén levará ao pleno as reclamacións dos veciños afectados polas obras do túnel do acceso ferroviario ao porto exterior, a petición da construción dun campo de rugby municipal –a curto prazo, a cesión de campos xa existentes ao clube local– e unha moción sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.


Convenios deportivos

O Partido Popular reclamará no pleno que se abonen os convenios coas entidades deportivas correspondentes ao 2020, que se cree unha liña de axudas directas e que se consensúen as axudas nominativas de 2021. O concelleiro Ricardo Aldrey acusa ao goberno local de “asfixiar a clubes e entidades deportivas”, que viven nunha situación de “incertidume” sen poder cumprir coa súa planificación económica e cos compromisos adquiridos ao principio da tempada.


O grupo popular tamén reclama que se adquira de inmediato un novo camión autoescada para o corpo de bombeiros. A súa outra moción ten que ver coa petición ao goberno de España de recoñecer a capacidade de xestión das entidades locais e aumentar a porcentaxe dos fondos europeos de recuperación que poden xestionar concellos e deputacións.


Falta de interlocución

Ferrol en Común presenta dúas mocións relacionadas con necesidades da zona rural. Considera que as peticións da veciñanza acaban canalizándose a través do pleno pola “falta de participación que o concello promove coa cidadanía”. “Non hai ningún mecanismo de interlocución directo coa veciñanza para poder trasladar os problemas diarios”, denuncia o voceiro de FeC, Jorge Suárez.


Nas súas mocións demandan obras para garantir a seguridade vial en Serantes, o avance nas beirarrúas desde a igrexa ata a avenida de Grandal e a construción de novos tramos desde o campo de adestramento do Racing ata a Avenida 19 de Febreiro e a necesidade dun novo aparcadoiro. Para O Prioriño reclaman solucións aos seus problemas de auga e de electricidade, así como garantir unha conexión a internet de calidade.


A terceira moción deste grupo ten que ver coa creación dun Plan de Mocidade, transversal, para converter Ferrol nunha “cidade de oportunidades” para a xente moza.


Rescate hostaleiro

O grupo municipal socialista presenta dúas mocións para o seu debate. Unha céntrase no plan de rescate para a hostalería e o turismo e a segunda apunta cara á reforma da lei de saúde aprobada no Parlamento de Galicia. 

O BNG reclama no pleno que o Concello denuncie á UE a sentenza do Supremo sobre o IBI de Navantia

Te puede interesar