Hai unhas cantas semanas, o meu vello e querido amigo e homónimo José María Folgar de la Calle, profesor de Historia do Cine na Universidade de Santiago, agasalloume cun excelente libro Epistolario Ricardo Carvalho Calero Ramón Piñeiro (Historial dun libro). Fíxoo en nome da admiración que ambos sentimos pola obra e a personalidade do catedrático ferrolán. Degusteino pausadamente e con total atención, atrapado pola historia que se recolle nas cartas cruzadas Carvalho-Piñeiro, que, maiormente, non é outra que a da dificultosísima elaboración da magna Historia da Literatura Galega (1962) que alí se conta. Só esa obra xustifica máis dun Día das Letras Galegas. Penso que xa é a hora de Carvalho.
Hai uns días, Bernardo Maiz mostrábame unha páxina dun suplemento de El País, Luces (26-I-2007), que recolle unha entrevista a Fernández del Riego, onde quen fora presidente da Academia Galega manifesta: “propuxen dedicar o Día das Letras a Carvalho Calero e non conseguín. A cultura no se pode politizar sectariamente”. Van aló nove anos andados.