ARRIVEDERCI

Cando este xornal estea nas súas mans eu andarei por Roma, comezo dunha viaxe pola Italia que fixen xa tan miña como poucas cousas teño entranado. Estarei comezando unha rota que me vai levar de Roma a Milán por un camiño ben pouco directo, o que pasa por Siena, Pisa, Florencia, Rávena, Venecia, Vérona.

Que fará que experimente, coa modestia dun nacho de Neda que xa desde cativiño non quería senón saber de cousas belas, algo semellante en lonxanía ao síndrome de Stendhal: ese sentimento convulso diante da fermosura. Tan presente en Italia. Tan comunicada por cada migalla das civilizacións que no país da bota foron deixando o seu aire. Ese no que me recoñezo, fillo del como vostedes, e non soamente polos idiomas comúns que da terra italiana viñeron.

A estas horas, en fin, xa estou en Roma, se cadra en San Pietro in Vincoli e na Piazza Navona, ou nunha “trattoria” que ben me sabe nun recanto do Trastevere. E aínda que nos vindeiros días, facendo o meu “percorso circolare” pola Italia que amo non estea con vostedes na escrita si que vou estar no pensamento. “Va pensiero”, cantarei con Verdi, erguendo por todos vós, tan “mi ventura” como a Italia de Gonzalo Fernández de Córdoba, a miña copa de papel (ou de “chianti”). Porque isto, meus caros, non é un “addio”, vaites, vaites, senón un “arrivederci”, amigos

ARRIVEDERCI

Te puede interesar