O debate ao redor da venda de armas a Arabia ten posto de relevo os enganos aos que nos levan sometendo durante décadas ao respecto do sector naval en Ferrol por varios motivos.
En primeiro lugar porque levo anos soportando a mentira de que adicarnos ao militar é o noso futuro mentres só vexo o desmantelamento gradual dos estaleiros na ría, un silencio cómplice fronte ao veto, primeiro explícito e despois implícito á construción civil e o baleirado das gradas de construción militar desde hai máis de 10 anos.
En segundo lugar porque a pesar da agonía do sector nos últimos anos, cunha folga das auxiliares polo medio, ninguén ameazou en Ferrol coas mobilizacións que o anuncio do Estado de non vender bombas a Arabia (que non as corvetas) provocou.
En terceiro lugar porque esas corvetas non se farán en Ferrol e por tanto o argumento de “estou en contra de vender armas a estados xenocidas pero antepoño o pan dos meus fillos a este convencemento” é rotundamente falso.
En cuarto lugar porque a posterior xustificación que consiste en afirmar que hai que reclamar os contratos con Arabia porque senón teriamos que compartir a carga de traballo das F-110 demostra o que sempre se negou.
A carga de traballo en Navantia asígnase por criterios políticos e non técnicos. Por que senón teriamos que compartir as F-110 en función de se no Sur fan as corvetas ou non se tecnicamente o lóxico é facelas aquí? Co mesmo argumento deberiamos compartir as corvetas, os petroleiros, os submarinos que se fan alá.
Todo isto lévanos a dúas posturas argumentalmente racionais que non quere dicir defendibles:
A primeira reclama os contratos con Arabia e exixe a súa carga de traballo para a cidade. A segunda rexeita os contratos e exixe a volta a construción civil.
O lóxico sería que o noso alcalde defendese unha destas posturas pero é ridículo ver como o alcalde actual, o sr. Suárez e o alcalde consorte, o sr. Rey Varela defenden a mesma postura irracional, a peor para os ferroláns. Quédanse coa peor parte das dúas opcións por submisión política e ideolóxica. Defenden vender bombas (que non as corvetas) a un estado xenocida como o Saudí e nin exixen a volta á construción civil nin a construción desas corvetas en Ferrol o que demostra que o café, aínda que arábigo, nunca é igual de amargo para todos.