26-J

Tal como está a situación neste país noso, non lle vexo unha solución moi doada a este nó gordiano co que nos teñen tan asoballados os políticos. Os resultados do 26J van ser cuspidos aos do 20D o que nos levará, sen dúbida, a unhas novas eleccións no mes de decembro e o país non pode aturar un dia máis esta desfeita provocada por un fato de  incompetentes, cobizosos, prepotentes e teimudos.
Nós os electores temos moito que dicir o próximo domingo para evitar un novo desastre. Diríxome sobre todo a ese trinta por cento de indecisos, penso que en gran parte desencantados do PP, que lle poden dar a volta as enquisas. Eu non son político nin seareiro de ningunha formación política, pertenzo ao partido do sentido común que ás veces semella ser o menos común dos sentidos. Aos meus anos non me move ningún tipo de ambición, soamente penso no mellor para o meu país e para a miña xente e ese mesmo sentido común me di que non estamos para cambios que é o principal argumento da oposición. Eu ben sei dos moitos casos de corrupción do partido do goberno en funcións pero evitemos que as árbores corruptas non nos deixen ver o bosque enteiro. Á hora de votar, non nos deixemos levar pola xenreira, descubramos e castiguemos aos corruptos coas leis na man que para eso están pero non podemos permitir que estes condicionen o noso voto. Votemos coa cabeza e non coas vísceras. A toda a oposición se lle enche a boca coa palabra cambio, prometendo o que non poden nin están dispostos a cumprir. Xente sen ningunha experiencia, e aquí hai que darlle a razón a Rajoy cando di que ao goberno non se vai a facer experimentos nin a aprender, hai que chegar aprendidos. Como dixo o escritor e filosofo Eugenio D’ors i Rovira nunha ocasión moito menos transcendente, ¡os experimentos con gaseosa! Dun xeito ou doutro todo isto xa o dixen máis dunha vez nesta ventá que me brinda o DF pero ante a importancia do teu voto e a proximidade das eleccións teño que insistir, só hai unha maneira de evitar un novo fracaso e esta pasa, dígovolo así de claro sen ningún rubor e a pesar de todo, por votar, desta volta, ao PP. Aquí acae moi ben aquelo de que máis vale malo coñecido que bo por coñecer.    Tampouco esquezades de ter en conta que xente nova e leña verde, todo é fume.

26-J

Te puede interesar