A Virxe do Cristal

Ésobradamente sabido que o 24 de febreiro de 1877 Manuel Curros Enríquez foi o gañador dos dous mil reás que tiña como premio o certame poético convocado polo xornal ourensán El Heraldo Gallego. O argallante e patrocinador do mesmo, don Modesto Fernández y González, foi quen fixou que o fallo do xurado tivese lugar o día da súa onomástica.
Menos coñecido é que o destacado avogado, economista e funcionario público ourensán foi quen, como facendista que era, o que primeiro puxo de moda a palabra irregularidade, coa que se adoitaba (e adoita?) designar o suborno na administración pública. Albiscaría que algún día poderían chegar a producirse situacións tan escandalosas como as destes nosos tempos?
Curros, daquela en Madrid e nunha situación económica precaria, malia que nesa altura pouco era o que tiña escrito en galego, acabou animándose a presentarse a aquel certame poético destinado a premiar “al poeta que en dialecto gallego retrate con más exactitud  y colorido local las siguientes costumbres, tradiciones y tipos de Galicia”, temas que viñan fixados nas bases.
Deles o que aquí e agora nos interesa é o segundo de tradicións, o referido a narrar en versos galegos a d’ A Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes. Unha cousa eran as crenzas do poeta e a súa nula relación co mundo eclesial católico e outra que, como nado e criado en Celanova, coñecese de cor esa lenda, mesmo escoitada nos beizos da súa mai, como mesmo se ve obrigado a escribir a xeito de exculpación desa pequena rebaixa nas súas conviccións: “Foi preciso que pensase en miña nai, que maxinase o inmenso pracer que esperimentaría de ver, tal como ela ma había referido de pequeno, a lenda da Virxe das nosas montañas, pra que eu me puxese a escribila”. E abofé que a escribiu, para doarnos un longo, fermoso e ben construído poema que aguanta máis que ben o paso do tempo, unha composición que non sería mala cousa que lesen os nosos escolares.
Nestes días pasados soubemos da morte violenta do cura párroco de Vilanova dos Infantes. Todo parece apuntar a que o probable asasinato se producise por mor do roubo, principalmente o da pequenísima efixie da Virxe do Cristal. Aínda que estiven un lote de veces en Celanova e Vilanova, só unha vez tiven na miña man a imaxe que agora se bota en falta. Foi no ano 2001, con ocasión dun importante congreso que, para conmerorar debidamente o sesquicentenario da morte de Curros, se celebrou, principalmnnte, na súa vila natal. Na tarde-noite dun dos días de celebración das xornadas, atopamos o párroco violentado, que nos amosou e deixou tocar, fotografar... a diminuta imaxe que, como se tal cousa, levaba no peto. Dicía que era o lugar máis seguro. Descoñezo se daquela a agora mudara os costumes ou se tamén o día que o mataron a levaba enriba. Fose como for, ó sacerdote non se lle pode volver a vida, mais si pode, si ten que aparecer esa imaxe que, como moi acertadamente dixo Méndez Ferrín no enterro do padre Enríquez, está “profundamente instalada en todos, ateos e cristiáns”.
Tiven o pracer de formar parte da comisión organizadora –presidida polo profesor Alonso Montero–, do antedito congreso, no que, entre outros, ademais do citado Méndez Ferrín, pariticipou, convidado como ponente, Luis García Montero, a quen me referín días atrás. Foi alí, nun acto académico en toda regra, onde coñecín ó senlleiro catedrático e poeta granadino. Ó doutor Mendez Ferrín, o noso grande escritor, afortunadamente, xa o coñecía de bastantes anos antes. Volveremos ver a imaxe de cristal.

 

A Virxe do Cristal

Te puede interesar