Disturbios dos antidisturbios

A violencia gratuita e con asaño é un triste fracaso da evolución humana. Cando a producen as forzas chamadas de seguridade, poderiamos calificala de terrorismo de Estado. 
Sementar o medo na povoación desarmada, pacífica, polo simple “delito” de exercer un dereito básico como votar para decidir, é propio de rexímenes dictatoriais, nunca de democracias. 
Agora xa non há volta atrás. Cada 1-O ficará na lembranza como o día da barbarie do Estado español contra o povo catalán, espellado na birra dos antidisturbios contra os mossos de esquadra. Ninguén pode ficar indiferente. Non é que as imaxes retidas na retina do incrivel vaian fraccionar á sociedade española, catalá ou galega. Non. A sociedade sempre estivo fraccionada como un bocoi de pólvora que só precisa dun detonante. 
Un estado como España, construído sobre a negación violenta das nacións asimiladas, viviu toda a súa historia sentada nese bocoi de pólvora. Os chistes de cataláns, de galegos, de andaluces... evidencian un conflicto, unha presunción de ignorancia e un desprezo entre nazóns amancebadas á forza, como un harén onde o polígamo estado utilizara a cada povo en concubinato para criar ciumes e violentar a dinidade das nazóns en proveito propio.
Que ficará de España se Catalunya se independiza e espalla a pólvora por Euskadi Galiza, Andalucía...? Qué de Grande ficará de esa falsa Unha que nunca foi Livre?
A ningún governo de España  lle interesou un entendemento respectuoso entre as nazóns peninsulares. 
Non só ergueu un muro impenetravel entre Galiza e Portugal, senón tamén entre nazóns de seu control, outorgándolles níveis distintos de poder e reparto da riqueza. 
As dúas Españas non foron só as dos dous frentes nacional e popular. Foron tamén as dos monárquicos e dos republicanos, as dos que tiñan ou non lingua propia fóra do castelán, as marítimas e as meseteiras, as dos touros e as das vacas, as da seca e as da chuvia, as dos latifundios e as do minifundio...
Tanta diversidade cultural ao longo da historia, tanta conquista de povos polas armas, tanta fronteira á vértola dun poder centralista e tiránico sen o máis mínimo consenso nen respecto polos povos, non podía dar máis que este país chamado España, invertebrado, baleiro no cerne, carente dunha médula espinal.
España sen Castela que é? Non ten entidade propia. Vive do sangue que zuga vampireando na recadación da riqueza de todas as súas nazóns sumetidas. 
Quen redactou a Constitución do 78 cunha de cal e outra de area. Quen escreveu nazón e nacionalidade abriu unha fenda destinada a afondar un abismo insondavel. España só podería ter futuro como un Estado federal republicano creado por consenso entre nazóns livres en pé de igualdade. 
Máis témome que a falla de educación política á que o estado español nos somete só pode conducir a unha rifa tamaña á dos siareiros das bandeiras do futebol.
Calquera baiuca de barrio improvisa un parlamento tan politicamente pobre e demencial como o dos profesionais. Iso si, coas consumicións algo máis caras.
 

Disturbios dos antidisturbios

Te puede interesar