Xa non somos servos

Hai cousas que me superan e unha delas é esa conciencia de servilismo tan arraigada no noso pobo. Aquel medo desmedido a reclamar o que é de un, a protestar e, sobor de todo, a reclamar ante os “poderes”. Non acaba de entrar en moitas cabeciñas que un banco, un hospital, un político ou unha institución non son máis do que un, e que todo o legalmente reclamable o é independentemente de a quen se lle teña que reclamar. Non hai que ter medo, non hai que recuar ante os “señores feudais” do noso tempo.
En Acouga sempre velamos polos intereses dos nosos asociados, polo tanto como vocal da xunta directiva, insisto en que a única vía efectiva pola que se pode recuperar o 100% dos cartos cobrados de xeito indebido por cláusulas solo, é a vía xudicial. Unha sentenza xudicial é a única garantía.
Os pactos cos bancos, que ofrecerán negociacións extra-xudiciais a partir de hoxe, non garantizan a devolución íntegra e van na contra dos intereses do consumidor. As negociacións bilaterais poñen ao afectado en clara desvantaxa e nunha situación de desigualdade manifesta.
O que se está a ofrecer como solución non é unha arbitraxe, que podería ser un substitutivo da xustiza, nen tan sequer unha mediación na que, cando menos, hai un intermediario entre a entidade financieira e o afectado.
Moita xente está disposta a ceder ás pretensións de banca e goberno por medo, polo “vánme mirar mal” e polo “ hai que obedecer ao que diga Rajoy polo que poida pasar”. 
E que vai pasar? Que un xuiz vai dictaminar que lle teñen que devolver o 100 por cento dos seus cartos.
Aínda así, os asociados que decidan empregar esta vía, terán asesoramento legal gratuito fornecido pola rede de avogados colaboradores de Acouga. 
Este asesoramento gratuito non incluirá o desprazamento á entidade financieira por parte do avogado nen o cálculo das cantidades a devolver, si indicacións de como, que e en que termos negociar co banco.
Estamos para axudar, mais hai que tomar conciencia, xa non somos servos, somos cidadáns con dereitos.

Xa non somos servos

Te puede interesar