O prezo dunha traizón

Parece irónico que a política, na súa orixe, fora entendida como un servizo ao pobo, e que un político entendera o seu labor como tal. Hoxe o político parece entender unicamente de servirse a si mesmo e aos que os rodean, sempre e cando non se desmanden do redil que impón quen manexa os fíos deste teatro chamado partido. 
Podes aportar traballo, ilusión, empeñar a túa palabra, mais non se che ocorra ser consecuente cos teus actos, non penses por ti mesmo, non decidas o que as mans que manexan claroescuros non autorizan, non sexas ti, non te debas aos teus votantes. Débete ao poderoso cabaleiro don diñeiro, débete aos poderes das portas xiratorias e sobres voadores, débete ás neves dos altos cumios e non mires por quen deposita confianza, voto e ilusión en ti. Se desoes eses cantos de serea e decides ser ti, o camiño é o linchamento, asumido con maior ou menor elegancia. Hai políticos que dignifican aínda o significado primitivo da política, que prefiren marchar coa cabeza alta antes que traizoar a quen o votou pasando polo aro que vende os seus principios máis elementais.
Hoxe é Pedro Sánchez, quen foi vendido por trece moedas ante os ollos de todos. Mais hai outras traizóns que pasan máis desapercibidas, mesquindades de patacón na terra dos marcos e as leiras, traizóns en partidos máis ou menos pequenos con pequenas perspectivas, traizóns de aspitantes a políticos que se quedan no camiño, pisando a quen traballou como se non houbera un mañán para colocalos no mapa, a quen sacrificou algo que nunca recuperará: tempo e confianza. 
Sempre hai quen prefire marchar en silenzo, con dignidade e a conciencia tranquila, antes que ser parte dun entramado que manexa e despreza militantes e votantes.
Ás veces convén que alguén nos lembre o que é andar cos pés na terra, as mans limpas e a razón no corazón e na cabeza. Alguén que nos lembre o significado orixinal das palabras, o que é ter palabra e facer dela un estandarte que lucir ao sol do servizo e da lealdade.
Se ben é certo que non fun votante socialista, descúbrome ante Pedro Sánchez nestes días en que son tantos os “políticos” a mexar fóra do testo, a facer declaracións pouco afortunadas sen ningún tipo de consecuencias, días nos que militantes e electores se sinten decepcionados por depositar a súa confianza en quen nunca foi merecente dela, días nos que te dás conta de que hai quen lle pon prezo a todo e non lle dá valor a nada, que as vontades se perden cando realmente nunca existiron e que é rara avis aquel que non se deixa mercar nen manipular.

O prezo dunha traizón

Te puede interesar