ESTADO DE ALARMA

|

Antes de que o bispos lanzasen a campaña de recrutamento de sacerdotes ofrecendo un posto de traballo fixo coa categoría de director de sucursal de parroquia, era moi habitual que nas familias numerosas de antes un dos nacidos como homes tomase a senda relixiosa.

Un destes pastores, fillo de grandes propietarios, exercía na súa xurisdición como verdadeiro pastor de almas e de cabana gandeira, de modo que a súa riqueza espiritual no se correspondía coa pecuniaria.

Cando agora falamos de seca no agro, habería que pensar se moita non é debida ás malas obras realizadas antigamente

Segundo contaban os seus fieis sobreviventes ao seu mangoneo, o sacerdote estivo una tempada polas castelas e alí tivo unha revelación técnica e divina: descubriu o cultivo de secaño e de regadío.

Cando retornou ás súas propiedades, cada vez de maior extensión pola herdanza dos seus irmáns defuntos e de unha irmá solteira e devota de Deus e os cartos, púxose como tarefa divina importar as formas de cultivo da árida meseta aos verdes prados galaicos. E non o tivo difícil.

Así que puxo aos seus serventes a desviar uns dos moitos regatos que reverdecían os prados para alimento vacún mediante unha serie de represas e lavadoiros públicos dunha lousa, até deixar os antigos pastos en terreo seco e duro.

Unha vez conseguido iso, mandou cavar canos e trincheiras para regar as parcelas da súa propiedade. Este sistema de cultivo murciano deixou o resto dos terreos que non era do seu rexistro faltos de auga o que motivou algunha tenue protesta dos veciños que se viron afectados polo desvío da canle fluvial e a conseguinte caída de peso das vacas que antes comían ao seu pracer a herba verde de alcacer.

O santo home, para evitar unha revolta comunista, marxista ou leninista das da época, reuniu aos protestantes e, a modo do tribunal das augas, concedeu os días pares para el e os impares para os veciños e como estaba tan disposto a amañar a desfeita, as xornadas que el non tiña líquido elemento permitiría utilizar os lavadoiros, de tal forma que sempre tería auga, ben fose por que lle tocaba ou pola sobrante dos lugares de lavar.

Pasaron os anos, a xente deixou de traballar a terra como forma de subsistencia, algúns até chegaron a comprar unha vespa, outros un 850 especial superluxo e o crego quedou sen xornaleiros gratis e de pago, e ao final as augas dos ríos volveron a recuperar o espazo natural polo transcorrían e todo regresou ao seu estado natural e aquel intento disparatado quedou nunha triste anécdota.

Cando agora falamos de seca no agro, habería que pensar se moita non é debida ás malas obras realizadas antigamente, aos desvíos de regatos para fins de dubidosa rendibilidade que deixaron enxoitas extensións inmensas de terreo, algunhas debido a unha concentración parcelaria sen moito xeito e de costas á natureza do territorio galaico. Se estamos en estado de alarma foi porque non estivemos en alerta.

ESTADO DE ALARMA