O camiño da vida

A vida de cada quen é persoal e privada pero o camiño no mundo facémolo xuntos, axudándonos e estorbándonos uns aos outros. Así é que nesta sociedade da que formamos parte e polo tanto da que tamén somos corresponsables en certa medida, a maioría das persoas, principalmente as mulleres, viven collidas, atrapadas de algunha maneira porque ata agora eran elas principalmente as que atendían ás necesidades familiares no fogar: coidar dos fillos, ir a traballar, as que tiñan traballo, e estirar todo o posible a partida correspondente á economía doméstica para que alcanzase a cubrir as necesidades. E con isto, en moitos casos, non lles quedaba tempo para a atención ao coidado persoal, tan necesario se non querían continuar marxinadas; e máis aínda para poder prestar atención á súa formación e ás relacións sociais, imprescindibles no mundo actual. As mulleres, coma os homes, teñen que estar ao día, tanto no referente aos cambios sociais coma aos políticos; algo fundamental e imprescindible para unha convivencia igualitaria. 
Vivimos nunha sociedade que debe ir evolucionando. Porque a parte do dito, á muller quédalle o que lle corresponde como primeira formadora dos fillos ao pouco de naceren. Aí empeza algo singularmente importante e que merece atención, que a ningún adolescente lle falte esa axuda para encontrar o seu propio e persoal camiño, con nunha formación personalizada dende os primeiros anos. Pensemos seriamente que é aí onde se encontra a importancia do imprescindible cambio cultural que necesitamos. Unha educación personalizada. Pero lamentablemente, como ven sendo frecuente, deixámonos levar das rutinas e despois xa non ten remedio. 
Creo que na sociedade actual existen posibilidades para pensar neste tema e cambiar o rumbo que levamos. Trátase de algo relacionado coa política social e familiar que necesita atención dos poderes públicos. España, e aínda máis Galicia, están atrasadas respecto a Europa. Somos “Finis terrae”, e gran parte do que chamamos progreso non é este do que presumen algúns. Busquemos o verdadeiro, o que necesitamos. Porque así nos foi con frecuencia ata agora por deixarse levar irresponsablemente de certas políticas. Se queremos cambiar non botemos a culpa só aos políticos, aínda que teñen moita. Os cidadáns sen conciencia social, posiblemente a maioría, votan nas eleccións aos representantes políticos deixándose levar habitualmente por intereses partidarios, e así nos vai. Por este camiño é por onde chegan a presidentes algúns “Trumps”. Despois lamentámonos pero a cousa xa non ten remedio. Entre todos resulta mellor.

O camiño da vida

Te puede interesar