A RELIXIÓN TEN DÚAS CARAS

É costume dicir que ser agradecidos é de ben nacidos, pero ¿que lle ten que agradecer a Igrexa española aos gobernos de turno para que as xerarquías non digan unha palabra ante esta desolación na que malviven agora milleiros e milleiros de persoas en paro? E se non morren por falta alimentación é porque hai voluntarios dispostos que os atenden e xuntan alimentos para repartir. Os cidadáns están dando exemplo de solidariedade. Grazas a eles os necesitados poden comer, pero nada máis. Un sector da poboación española carga en solitario coas peores consecuencias da crise. Porque os pobres de solemnidade de “illo témpore” témolos de novo nesta sociedade que presume de moderna. E os bispos permanecen calados. Esta Igrexa, conformada por Rouco durante os pasados vinte anos, vai ser o retrato pouco favorable que fagan da Institución os historiadores de este período. Aos bispos só se lles ocorre poñerse ao abrigo da acción de Cáritas, que por certo está actuando con dignidade. Pero a responsabilidade dos bispos debería estar na forza da palabra, na denuncia profética e na defensa dos pobres. E non só deles en canto consumidores senón como persoas dignas de atención e de respeto. A denuncia de estas inxustizas cometidas cos pobres daríalles a oportunidade de parecerse algo ao papa Francisco; do contrario, o seu escandaloso silencio faraos cómplices e encubridores de este abuso dos máis débiles. Os bispos continúan actuando na Igrexa dun xeito frío e formal, carente de sentimentos humanos. Actúan como se tratasen con alleos e descoñecidos. Por esta razón, á maioría das persoas nada lles din eses rezos e predicacións realizados de oficio nas chamadas visitas pastorais ás parroquias. A expresión “pastoral” fai relación aos pastores respecto do rabaño. Os bispos din ser os pastores e a todos os demais tócanos facer de ovellas, ás que por certo non coñecen polo seu nome como pide o Evanxeo. Non se dan conta de que os mesmos Evanxeos deberían ser retraducidos para ser ben entendidos. Empezando porque non se trata de libros de relixión senón da semblanza e da vida e a obra de Xesús. Xesús non mantiña relación coa relixión do Templo nin cos sacerdotes. Coñecía ben esa casta e os seus negocios. Tan era así que foi o Templo cos seus sacerdotes os causantes da súa morte na cruz.  

 

A RELIXIÓN TEN DÚAS CARAS

Te puede interesar