cómpre recoñecerlle á conselleira nacionalista Ánxela Bugallo o primeiro fito no camiño para recuperarmos o Pazo de Meirás para a cidadanía, ao declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) no 2008. Hoxendía tense avanzado moito camiño polo traballo da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica e pola especial sensibilidade do Concello de Sada e da Deputación coruñesa. Mais tamén por mór do consenso total do Parlamento de Galicia. Neste tema o PPdeG está a facer o correcto. Probábelmente pola presión cidadá, mais cómpre recoñecérllelo.
Os Franco non teñen un título de propiedade legal. Unha “Junta Pro Pazo”, creada polo pulo da Deputación e do Concello coruñeses, usou o diñeiro obtido de descontos obrigatorios dos soldos de funcionarios e empregados e das doazóns “voluntarias” inducidas nos pobos polos concellos e pola Falanxe para lle mercar o pazo á súa propietaria, Blanca Quiroga Pardo-Bazán, ofrecéndollo en doazón a Franco, que o aceptou en decembro de 1938. Porén, a transmisión é radicalmente nula, porque a doazón de bens inmobles require para causar efecto dunha escritura notarial que non existiu. A trapallada xurídica continuou no 1941 cando Franco adquiriu o Pazo a medio de compravenda perante Notario á mesma persoa que xa lle vendera antes á “Junta Pro pazo”. O prezo era moi baixo e non se xustificou o seu aboamento.
Xa que logo, o suposto título de dominio dos Franco é radicalmente nulo por inexistente, ao non existir causa, nin prezo, nin válido consentemento nunha Blanca Quiroga que xa non era propietaria na altura.
As achegas de fondos públicos na adquisición e mantemento do Pazo e, sobre todo, a súa dedicación a finalidades públicas do Goberno “de facto” (residencia oficial de verán do ditador, celebración de Consellos de Ministros e actos oficiais…) determinan que o Pazo haxa de se considerar como ben de dominio público Velaí o título xurídico para que a Administración do Estado poida reivindicar xudicialmente o Pazo duns Franco que non teñen título de propiedade válido.
Canto á indemnización dos gastos aboados polos Franco dende que o Estado deixou de usar o Pazo, a súa cualidade de herdeiros duns primeiros posuidores de mala fe, plenamente conscientes da ilegalidade do seu dominio, vetaríalles calquera pretensión nese senso.